Comezan os traballos arqueolóxicos na Praza da Igrexa de Silleda

Silleda, 21 de setembro de 2026. A empresa A Citania Arqueoloxía, á que se lle adxudicou a intervención arqueolóxica, iniciou hoxe os traballos na zona do parque da  Praza da Igrexa de Silleda, dando así un novo paso no procedemento aberto tras a aparición de restos óseos durante as obras de reforma deste espazo.

A actuación de reforma do parque  contaba desde o inicio coa correspondente autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, que non esixiu inicialmente un proxecto arqueolóxico pero que establecía que , no caso de aparecer restos durante os traballos, estes deberían ser comunicados de inmediato a Patrimonio.

Foi precisamente este procedemento o seguido polo Concello cando, durante os movementos de terras realizados na fin de semana do 22 e 23 de agosto, apareceron restos óseos na zona. Unha primeira inspección realizada por persoal especializado confirmou que se trataba de restos humanos.

O luns 24 de agosto, nada máis coñecer a situación, o Concello remitiu unha comunicación formal á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural informando do achado e solicitando indicacións sobre como proceder.

Tras analizar a situación, Patrimonio determinou a necesidade de realizar unha intervención arqueolóxica de urxencia antes de continuar coa obra. Entre as medidas establecidas figuran unha escavación manual nunha superficie aproximada de 145 metros cadrados, a realización de oito sondaxes nos puntos correspondentes ás zapatas previstas no proxecto e a revisión, baixo control arqueolóxico, do material procedente dos traballos executados ata ese momento.

A partir desa indicación, o Concello iniciou os trámites necesarios para contratar a intervención, que finalmente foi adxudicada a A Citania Arqueoloxía, empresa que desde hoxe comeza sobre o terreo os traballos previstos.

Esta actuación permitirá documentar correctamente os restos e o propio espazo, coñecer con maior precisión as características do antigo ámbito funerario e determinar as condicións nas que poderá retomarse a reforma da Praza da Igrexa.

Cómpre lembrar que esta zona formou parte do antigo cemiterio parroquial ata comezos do século XX e que, posteriormente, foi obxecto de diferentes transformacións e obras, entre elas actuacións realizadas a finais dos anos 80 e a propia creación do parque infantil existente ata o inicio da actual reforma.

Durante o proceso arqueolóxico tamén se realizará o control do material xa extraído, tal e como estableceu Patrimonio, antes de proceder á súa retirada definitiva.

“Desde o Concello de Silleda seguimos traballando para que todo este procedemento se desenvolva co máximo rigor, respecto polo patrimonio e coa maior celeridade posible, cumprindo en todo momento as indicacións técnicas e administrativas de Patrimonio Cultural”, indica a alcaldesa e responsable municipal de Obras e Urbanismo, Paula Fernández.

O obxectivo é completar canto antes esta intervención arqueolóxica e, unha vez coñecidos os seus resultados e recibidas as indicacións correspondentes, poder retomar as obras de renovación do parque da  Praza da Igrexa.