Silleda liquidará o préstamo do novo consistorio

·        O Pleno abordará este venres unha nova modificación orzamentaria de 500.000 euros financiada con remanente de tesourería

·        Coa operación, o Concello completará este ano un millón de euros en amortizacións extraordinarias

Silleda, 22 de setembro de 2026. O Concello de Silleda liquidará o préstamo vinculado ás obras do novo consistorio mediante unha nova amortización anticipada de 500.000 euros, que será un dos asuntos que se someterán á consideración do Pleno ordinario deste venres e que foi abordado hoxe na correspondente Comisión Informativa.

A proposta consiste nunha modificación orzamentaria por importe de 500.000 euros destinada integramente a amortizacións e financiada con cargo ao remanente de tesourería para gastos xerais. O informe de Intervención é favorable á operación.

A proposta que irá ao Pleno establece tamén que, unha vez aprobada inicialmente, deberá permanecer en exposición pública durante quince días hábiles antes de adquirir carácter definitivo no caso de non presentarse reclamacións.

Esta nova amortización súmase aos 500.000 euros destinados xa este ano á redución de débeda, co que o Concello completará durante 2026 un millón de euros en amortizacións extraordinarias e poderá cancelar definitivamente o préstamo que permanecía pendente polas obras da nova Casa Consistorial.

A alcaldesa e concelleira de Facenda, Paula Fernández Pena, destaca que “esta operación permítenos pechar unha etapa importante desde o punto de vista financeiro, liquidando o préstamo do novo consistorio e mantendo ao mesmo tempo a capacidade do Concello para seguir acometendo investimentos”.

O préstamo do plan de pistas, única operación pendente

Unha vez completada esta amortización, a única operación de crédito que permanecerá vixente será o préstamo destinado ao plan municipal de mellora de pistas e viarios, aprobado a finais de 2024.

O Concello continuará reducindo esta débeda mediante os remanentes municipais, tal e como se estableceu na planificación económica desta operación.

Desde o goberno municipal sublíñase que, malia o importante volume de investimentos executados nos últimos anos, a situación económica do Concello mantense en niveis semellantes aos do inicio do actual mandato, compatibilizando a execución de novas obras coa redución da débeda.

“Estamos sendo capaces de manter un forte ritmo investidor e, ao mesmo tempo, ordenar e reducir as obrigas financeiras do Concello”, sinala Fernández Pena, quen incide en que “o obxectivo é seguir garantindo unhas contas saneadas que nos permitan responder ás necesidades de Silleda”.