COMEZA O ASFALTADO DOS CAMIÑOS MUNICIPAIS DE SAR, NA PARROQUIA DE ESCUADRO

  • A actuación conta cun investimento de 115.361,39 euros e permitirá renovar os principais accesos ao núcleo, incorporando tamén melloras na drenaxe e no firme

Silleda, 23 de setembro de 2026. O Concello de Silleda iniciou hoxe os traballos de asfaltado dos camiños municipais de Sar, na parroquia de Escuadro, no marco dunha actuación que permitirá renovar os principais accesos a este núcleo rural.

A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena, achegouse hoxe ata Sar para supervisar o inicio dos traballos e comprobar sobre o terreo o desenvolvemento desta actuación, moi demandada pola veciñanza da zona.

As obras, cun investimento de 115.361,39 euros, están financiadas ao abeiro das axudas da Consellería do Medio Rural para a mellora de camiños rurais no período 2026-2027 e foron adxudicadas á empresa Construcciones y Obras Taboada Ramos S.L.U.

O proxecto contempla a mellora de tres viarios municipais que constitúen os principais accesos ao núcleo de Sar, co obxectivo de mellorar a seguridade viaria, a accesibilidade e as condicións de circulación tanto para a veciñanza como para os vehículos agrícolas e de servizo que utilizan habitualmente estes camiños.

“É unha actuación importante para Sar, porque dá resposta a unha demanda da veciñanza e permite mellorar de maneira notable os accesos ao núcleo, tanto para o tránsito diario como para a actividade agrícola e gandeira”, sinala Paula Fernández. A alcaldesa destaca ademais que “seguimos avanzando na mellora da rede viaria municipal, especialmente no rural, onde contar con boas comunicacións é fundamental para a calidade de vida da veciñanza”, sinala Paula Fernández.

Os traballos de pavimentación iniciados hoxe súmanse ás actuacións previas de acondicionamento necesarias para a execución do proxecto. Ademais da intervención principal, o contrato incorpora distintas melloras ofertadas pola empresa adxudicataria sen incremento do custo para o Concello, valoradas en 8.565,32 euros.

Entre estas melloras inclúese a regularización do firme nun dos tramos mediante unha capa de aglomerado asfáltico en quente, así como a limpeza dun paso de drenaxe parcialmente obstruído para favorecer a evacuación das augas pluviais. Tamén se instalarán dous elementos de suxeición para contedores, con tubaxe salvacunetas e soleira de formigón armado.

Antes da tramitación das obras, o goberno municipal mantivo un encontro coa veciñanza de Sar para explicar o proxecto e recoller as súas achegas sobre unha actuación moi demandada no núcleo.

Con esta intervención, o Concello de Silleda continúa coa mellora progresiva da rede viaria municipal e das comunicacións nos núcleos rurais, facilitando os desprazamentos da veciñanza e o desenvolvemento da actividade agroganadeira.