- A formación, promovida pola Secretaría Xeral da Lingua en colaboración co Concello, amplía as accións do programa municipal Anduriña de alfabetización e integración sociocultural
- As sesión, para persoas maiores de 16 anos, celebraranse na Casa da Xuventude de Silleda durante o mes de outubro, do 19 ao 27
Silleda, 24 de setembro de 2026. O Concello de Silleda abre o prazo de inscrición para participar nun Curso de introdución á lingua e á cultura galegas, promovido pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a través da Secretaría Xeral da Lingua, en colaboración coa Administración municipal e no marco da Rede de Dinamización Lingüística.
A nova proposta formativa permitirá ao Concello de Silleda ampliar as accións que vén desenvolvendo a través do programa Anduriña, a iniciativa municipal de alfabetización e integración sociocultural coa que se traballa desde hai anos para favorecer a autonomía, a inclusión e a participación social das persoas procedentes doutros países.
O curso celebrarase na Casa da Xuventude de Silleda os días 19, 20, 21, 22, 23, 26 e 27 de outubro, en horario de 17:00 a 20:30 horas.
A formación está especialmente orientada ás persoas chegadas de fóra de Galicia que desexen adquirir unhas primeiras competencias en lingua galega e coñecer mellor a cultura e a realidade social do país, aínda que poderá participar calquera persoa interesada que cumpra os requisitos establecidos.
Está dirixida a persoas maiores de 16 anos, ou que cumpran esa idade ao longo de 2026, e non é necesario contar con coñecementos previos de galego, xa que os contidos están concibidos para un nivel inicial. O número de participantes previsto sitúase entre as 10 e as 20 persoas.
As persoas interesadas deberán inscribirse no Concello de Silleda, chamando ao teléfono 986 592 037 ou enviando un correo electrónico a info@silleda.gal.
Lingua para a vida cotiá e achegamento á cultura galega
O curso combinará a aprendizaxe de nocións básicas da lingua con contidos relacionados coa cultura e a historia de Galicia. O alumnado traballará aspectos como a fonética e a pronunciación, vocabulario e expresións de uso habitual, construción de frases sinxelas, comprensión oral e escrita, ortografía básica e recursos prácticos para desenvolverse en situacións cotiás.
A parte cultural permitirá tamén achegarse ás tradicións, festas, gastronomía, música e historia de Galicia, favorecendo un maior coñecemento da sociedade e da cultura de acollida.
A metodoloxía terá un carácter eminentemente práctico e comunicativo, con dinámicas de grupo, diálogos, xogos de rol e simulacións de situacións reais. A formación adaptarase ademais aos distintos niveis de alfabetización e coñecemento lingüístico das persoas participantes.
Entre os obxectivos da iniciativa figuran mellorar a competencia comunicativa inicial, gañar confianza á hora de falar e escribir en galego, facilitar a interacción en situacións habituais e fomentar o interese por continuar coa aprendizaxe do idioma.
O curso persegue ademais un dobre obxectivo: favorecer a integración e a inclusión sociocultural das persoas participantes e incrementar o número de falantes de galego, aproveitando o potencial que supón a chegada a Galicia de persoas procedentes doutros lugares.
A incorporación desta formación reforza a liña de traballo desenvolvida polo Concello a través de Anduriña, ampliando as ferramentas de aprendizaxe lingüística e coñecemento da contorna destinadas a facilitar a plena integración da poboación inmigrante.
Unha vez superada a formación, o alumnado poderá obter o correspondente diploma expedido pola Secretaría Xeral da Lingua.
