O Concello de Silleda licita por preto de 672.000 euros as obras de humanización de nove núcleos rurais

·        As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 26 de outubro e o prazo de execución dos traballos será de catro meses

Silleda, 7 de outubro de 2026. O Concello de Silleda vén de sacar a licitación as obras do proxecto de humanización de contornas en núcleos rurais, unha importante actuación que permitirá intervir en nove ámbitos do municipio e que conta cun orzamento base de licitación de 671.975,21 euros, IVE incluído.

O procedemento de contratación xa está publicado na plataforma de contratación pública e as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 26 de outubro. O proxecto establece un prazo de execución de catro meses desde o inicio dos traballos. A actuación financiarase con cargo ao Plan +Provincia 2026-2027 da Deputación de Pontevedra e abrangue os núcleos de Cumbraos (Escuadro), Corveira-Soldecasa (Rellas e Escuadro), Santa Cristina e A Peroxa (Lamela), Vilavella (O Castro), Pedrouzo (Graba), Sestelo (Siador), Recimil (Fiestras) e Toxa (Silleda). A alcaldesa de Silleda e responsable municipal e Obras, Paula Fernández Pena, destaca que coa saída a licitación “damos un novo paso para facer realidade un proxecto moi importante para o noso rural, tanto pola contía do investimento como polo número de núcleos nos que se vai actuar”.

“Non estamos a falar simplemente de renovar pavimentos. O obxectivo é mellorar a accesibilidade, a seguridade e a funcionalidade dos espazos públicos, buscando contornas máis cómodas e amables para a veciñanza e recuperando tamén estes espazos como lugares de encontro e convivencia”, sinala.

O proxecto contempla unha intervención integral nos viarios, con actuacións de mellora de firmes e pavimentos, drenaxe, sinalización e incorporación de mobiliario urbano, ademais de solucións específicas destinadas a favorecer a mobilidade peonil, a accesibilidade e unha convivencia máis segura entre o tránsito rodado e as persoas.

A licitación supón así un novo avance nun proxecto que o Concello presentou o pasado mes de setembro.

Máis de 3,5 millóns para mellorar a rede viaria

Estas actuacións súmanse ao importante volume de investimentos promovidos polo Concello de Silleda para a mellora da rede viaria municipal durante os últimos dous anos, que supera os 3,5 millóns de euros.Entre eles figura o denominado Plan Silleda, financiado mediante unha operación de préstamo superior aos 1,7 millóns de euros, así como actuacións do Plan Camiña Rural e distintos proxectos de mellora en parroquias de todo o municipio.  “Temos en marcha unha planificación continuada para actuar en todo o territorio, combinando recursos propios e as distintas liñas de financiamento doutras administracións. Esta licitación é unha nova mostra dese traballo e permítenos seguir avanzando na mellora dunha rede viaria municipal moi extensa”, conclúe Paula Fernández.