- A alcaldesa, Paula Fernández, recolleu o distintivo no Pazo de Santa Cruz de Rivadulla, acompañada polo concelleiro de Transición Ecolóxica, Manuel Requeijo, e a tenenta de alcaldesa, Mónica González
- O recoñecemento pon en valor as políticas municipais en materia de mobilidade sostible, xestión de residuos, eficiencia enerxética e protección da contorna natural, convertido a Silleda nun dos 5 municipios de Pontevedra en obter a distinción
Silleda, 21 de outubro de 2026. O Concello de Silleda vén de renovar, por terceiro ano consecutivo, o distintivo Bandeira Verde de Galicia, un recoñecemento outorgado pola Xunta de Galicia aos municipios que destacan polas súas boas prácticas ambientais, a protección da paisaxe e o seu compromiso coa sustentabilidade.
A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena, recolleu onte este distintivo no acto institucional celebrado no Pazo de Santa Cruz de Rivadulla, no municipio de Vedra, ao que asistiu acompañada polo concelleiro de Transición Ecolóxica, Manuel Requeijo, e a tenenta de alcaldesa, Mónica González.
Con esta nova distinción, Silleda consolida unha traxectoria iniciada en 2024, cando acadou por primeira vez a Bandeira Verde de Galicia, e que tivo continuidade coa renovación de 2025 e a deste ano. Silleda convirtese así nun dos 5 municipios da provincia de Pontevedra que obtiveron a distinción este ano.
A rexedora municipal destacou a importancia de manter este recoñecemento durante tres anos consecutivos. «Recibir unha Bandeira Verde é motivo de satisfacción, pero renovala ano tras ano demostra que o noso compromiso coa sustentabilidade non responde a actuacións illadas, senón a unha maneira de entender a xestión municipal, na que a protección do medio ambiente e a mellora da calidade de vida da veciñanza deben ir da man», sinalou Paula Fernández.
A alcaldesa subliñou ademais que «nun concello eminentemente rural como o noso, cun patrimonio natural e paisaxístico extraordinario, temos a responsabilidade de conservar esa riqueza e, ao mesmo tempo, impulsar un modelo de desenvolvemento que sexa respectuoso co territorio e coas xeracións futuras».
Unha traxectoria de actuacións ambientais
A renovación da Bandeira Verde dá continuidade ao traballo desenvolvido polo Concello de Silleda nos últimos anos en diferentes ámbitos da xestión ambiental.
Entre as iniciativas que sustentaron as anteriores candidaturas destacan o Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS), elaborado coa participación da veciñanza, e que se foi materializando en distintas actuacións para favorecer unha mobilidade máis segura, accesible e respectuosa co medio ambiente.
A este instrumento súmase o Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible (PACES), co obxectivo de reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro, así como o proxecto da Rede de Calor con Biomasa, unha aposta polo aproveitamento de recursos renovables e pola eficiencia enerxética.
A xestión dos residuos constitúe outro dos eixos fundamentais das políticas ambientais municipais. Silleda foi pioneira na comarca na implantación do contedor marrón para a recollida separada da materia orgánica e desenvolveu tamén unha importante aposta pola compostaxe doméstica, coa entrega gratuíta de máis de 600 composteiros á veciñanza.
Estas medidas complétanse con accións de sensibilización e divulgación ambiental, así como coa planificación municipal en materia de xestión responsable da auga, adaptación ao cambio climático e conservación do territorio.
O concelleiro de Transición Ecolóxica, Manuel Requeijo, destacou que «esta terceira Bandeira Verde é o resultado dun traballo continuado no tempo, que combina planificación, investimentos e medidas concretas para facer de Silleda un concello cada vez máis sostible».
«A sustentabilidade constrúese tamén desde o día a día, mellorando a separación dos residuos, promovendo o aforro enerxético, impulsando a compostaxe ou concienciando sobre a importancia de coidar a nosa contorna. Son actuacións que requiren constancia e tamén a implicación da cidadanía», engadiu o edil.
Un recoñecemento que permite seguir avanzando
A concesión da Bandeira Verde de Galicia supón tamén un incentivo para continuar desenvolvendo novas iniciativas municipais. Ademais do seu valor como recoñecemento público, o distintivo constitúe un mérito á hora de optar a determinadas axudas autonómicas vinculadas á protección do patrimonio natural e á xestión dos residuos de competencia municipal.
Neste sentido, o goberno local considera que a renovación reforza o camiño iniciado coa incorporación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030 á planificación municipal.
Paula Fernández incidiu en que «o importante non é só recibir unha bandeira, senón todo o traballo que hai detrás e, sobre todo, o que nos queda por facer. Queremos seguir avanzando cara a un municipio máis verde, máis eficiente e mellor preparado para afrontar os retos ambientais do futuro».
Finalmente, desde o Concello trasladouse un agradecemento ao persoal municipal, aos colectivos e ás persoas que contribúen co seu compromiso diario a facer de Silleda un municipio máis respectuoso co medio ambiente.
«Este recoñecemento tamén pertence á nosa veciñanza. Coidar Silleda é unha responsabilidade compartida e cada pequeno xesto conta para preservar o extraordinario patrimonio natural que temos», concluíu a alcaldesa.
Nesta edición, un total de 39 concellos galegos acadaron a Bandeira Verde, dos que só cinco pertencen á provincia de Pontevedra. Silleda sitúase así entre o reducido grupo de municipios pontevedreses distinguidos pola Administración autonómica polo seu traballo a prol da sustentabilidade e da conservación do patrimonio natural.
Prioridade no acceso ás axudas
Máis alá do recoñecemento institucional, a Bandeira Verde de Galicia representa tamén unha oportunidade para os municipios distinguidos, ao constituír un mérito para acceder a determinadas liñas de financiamento autonómico en materia ambiental.
Neste sentido, as bases reguladoras do distintivo contemplan a súa valoración na concesión de subvencións relacionadas coa conservación do patrimonio natural e coa xestión dos residuos de competencia municipal.
Ademais, segundo o anunciado pola conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, a Xunta prevé dar prioridade aos concellos recoñecidos con esta distinción para acceder a futuras liñas de axudas, entre elas as relacionadas coa xestión da auga.
Paula Fernández valorou positivamente esta posibilidade e destacou que «é importante que o esforzo que realizamos os concellos en materia ambiental teña tamén un reflexo no acceso aos recursos económicos necesarios para seguir mellorando os servizos públicos».
A rexedora lembrou que o Concello de Silleda vén realizando importantes investimentos con fondos propios para mellorar as infraestruturas de abastecemento e saneamento, especialmente no rural. «Confiamos en que este compromiso ambiental se traduza tamén en maiores oportunidades de financiamento para actuacións que son fundamentais para a nosa veciñanza», engadiu.
