-As persoas interesadas poden incorporarse contactando co Concello no 986 592 037 ou en info@silleda.gal
Silleda, 19 de outubro de 2026. O Concello de Silleda iniciou hoxe o Curso de introdución á lingua e á cultura galegas, unha acción formativa promovida pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a través da Secretaría Xeral da Lingua, en colaboración coa Administración municipal e no marco da Rede de Dinamización Lingüística.
O Concello lembra que aínda quedan prazas dispoñibles, polo que as persoas interesadas poden incorporarse ao curso contactando co Concello a través do teléfono 986 592 037 ou do correo electrónico info@silleda.gal.
A formación continuará mañá día 20, e os días 21, 22, 23, 26 e 27 de outubro e está dirixida a persoas maiores de 16 anos interesadas en iniciarse na aprendizaxe do galego e coñecer mellor a cultura e a realidade social de Galicia. Non se requiren coñecementos previos da lingua.
Durante as sesións traballaranse contidos básicos de expresión e comprensión oral e escrita, vocabulario e recursos para a comunicación cotiá, combinados con aspectos relacionados coa cultura, a historia, as tradicións, a gastronomía e a música galegas.
Esta iniciativa permite ademais ao Concello de Silleda seguir ampliando as accións do programa municipal Anduriña, centrado na alfabetización e na integración sociocultural, especialmente da poboación procedente doutros países.
Desde o Concello saliéntase a importancia deste tipo de propostas para facilitar a participación social e o coñecemento da contorna, ao tempo que se promove o uso do galego entre novos falantes.
