- As primeiras sesións celebraranse en novembro en Lamela, Escuadro e Cortegada, dentro do programa municipal Voluntariado+65
Silleda, 23 de outubro de 2026. O Concello de Silleda continúa ampliando as actividades do programa municipal Voluntariado+65 coa posta en marcha dun novo ciclo de sesións sobre coidados de persoas maiores dependentes, que estará impartido polo voluntario César Fernández Lamas.
Fernández Lamas, enfermeiro xubilado conta con máis de 30 anos de experiencia profesional neste ámbito, despois de traballar como supervisor nunha residencia, e incorpora agora os seus coñecementos e experiencia ao programa municipal de voluntariado sénior.
As primeiras sesións celebraranse o 4 de novembro en Lamela, ás 19:00 horas; o 5 de novembro en Escuadro, ás 18:30 horas; e o 17 de novembro en Cortegada, ás 18:30 horas. En xaneiro chegará tamén o día 14 á parroquia de Dornelas.
Nos vindeiros días anunciaranse novas datas e parroquias nas que se desenvolverá esta actividade, coa intención de achegar o ciclo ao maior número posible de localidades do rural.
As sesións estarán orientadas a abordar cuestións prácticas relacionadas coa atención e coidado de persoas maiores dependentes, ofrecendo información útil para familiares, persoas coidadoras e veciñanza interesada neste ámbito.
A actividade forma parte de Voluntariado+65, unha iniciativa posta en marcha polo Concello para aproveitar o coñecemento, a experiencia profesional e a disposición das persoas xubiladas que desexan seguir contribuíndo activamente á vida da comunidade.
O programa comezou este mes cos obradoiros de memoria impartidos pola voluntaria Consuelo Moreira en Escuadro, Cortegada, Cira e Lamela, cunha excelente acollida por parte da veciñanza.
Desde o Concello agradécese especialmente a implicación de César Fernández Lamas, que se suma agora ao programa compartindo unha experiencia profesional moi valiosa nun ámbito especialmente sensible como é o coidado das persoas maiores dependentes.
“Voluntariado+65 nace precisamente para isto: para crear unha canle na que as persoas xubiladas poidan seguir compartindo coñecementos e experiencia coa veciñanza, ao tempo que contribuímos a dinamizar as parroquias e a fortalecer as redes comunitarias”, sinalan desde o Concello.
A iniciativa está estreitamente ligada á Rede Silleda Dinamiza, coa que o Concello continúa impulsando actividades sociais, formativas e comunitarias nos distintos núcleos do rural, favorecendo o uso dos centros sociais como espazos de encontro e participación.
O Concello continuará ampliando progresivamente Voluntariado+65 con novas persoas colaboradoras, novas temáticas e novas parroquias.
