- As actuacións comenzaron nas parroquias de Cortegada e Taboada, con labores de acondicionamento de pistas, nivelación do firme e mellora dos accesos
- Concello reforza os equipos da Mancomunidade con persoal e maquinaria municipal para axilizar os traballos e ampliar o número de intervencións
Silleda, 26 de outubro de 2026. A maquinaria da Mancomunidade de Municipios da Comarca do Deza xa está a traballar novamente no municipio de Silleda, no marco da segunda quenda de actuacións programadas para este ano, que permitirá continuar avanzando na conservación e mellora da extensa rede viaria rural do municipio.
Nesta nova quenda, os traballos comezaron na parroquia de Taboada nas pistas de zahorra que comunican esta parroquia coa de Cortegada, entre os lugares da Ponte e Carballeda. Concretamente son as pistas de Liñares, Do Río e Valiños. Prevese que nos vindeiros días tamén se continúe no lugar de Reboredo, na mesma parroquia.
As intervencións inclúen tarefas de acondicionamento e nivelación do firme, así como a apertura e limpeza de cunetas, co obxectivo de mellorar o estado dos camiños, facilitar a circulación e garantir unhas mellores condicións de acceso ás vivendas, propiedades e explotacións agrogandeiras da zona.
Ademais, xa se realizaron traballos na parroquia de Cortegada, no lugar de Xubín, onde se acondicionaron os accesos á fonte, mentres que actualmente tamén se está a intervir no lugar de Covas, na mesma localidade, coa mellora dos accesos a unha vivenda.
A maquinaria continuará nos vindeiros días con novas actuacións previstasen distintos puntos do municipio silledense, dando continuidade aos labores de mantemento e mellora da rede viaria rural.
Reforzo con medios municipais
Unha das novidades destacadas desta quenda é o reforzo dos equipos da Mancomunidade con medios propios do Concello de Silleda, co obxectivo de aproveitar ao máximo a presenza da maquinaria comarcal no municipio e avanzar no maior número posible de actuacións.
En concreto, aos equipos da Mancomunidade súmanse unha pala e dous tractores municipais, ademais do persoal do Concello que colabora directamente nos labores de acondicionamento dos camiños.
Esta coordinación permite incrementar a capacidade de traballo e axilizar as intervencións, especialmente nun municipio como Silleda, cunha ampla dispersión territorial e unha extensa rede de pistas e camiños rurais que precisan dun mantemento continuado.
A alcaldesa, Paula Fernández Pena, destaca a importancia desta colaboración e do reforzo dos medios dispoñibles. «Nun concello como o noso, con tantas parroquias, núcleos de poboación e quilómetros de pistas, o mantemento da rede viaria rural é un traballo constante. Por iso queremos aproveitar ao máximo os recursos da Mancomunidade, reforzándoos cos nosos propios medios para poder actuar en máis puntos e dar resposta ás necesidades da veciñanza», sinala.
A rexedora lembra ademais que estas intervencións complementan os importantes investimentos que o Concello vén realizando nos últimos anos para a mellora das infraestruturas viarias do rural. «As grandes obras de pavimentación e mellora de pistas son fundamentais, pero tamén o son estas actuacións de mantemento, que permiten conservar os camiños en boas condicións e garantir os accesos ás vivendas e ás explotacións», engade Fernández.
