- O convenio de colaboración, aprobado pola Xunta de Goberno Local, permitirá achegar á veciñanza esta iniciativa de apoio a adolescentes que precisan dunha contorna familiar positiva
- O Concello anima ás familias silledenses a coñecer un programa que ofrece a oportunidade de contribuír á integración social e ao futuro de mozos e mozas
Silleda, 22 de outubro de 2026. O Concello de Silleda vén de formalizar un convenio de colaboración coa Asociación ARELA para impulsar no municipio a difusión do programa CONVIVE.COMigo, unha iniciativa que busca persoas e familias dispostas a ofrecer unha contorna de convivencia positiva a adolescentes que deben cumprir unha medida xudicial de convivencia con outra persoa ou familia.
O acordo, aprobado pola Xunta de Goberno Local, permitirá achegar esta iniciativa á veciñanza de Silleda, facilitando información e promovendo a sensibilización social sobre a importancia de ofrecer novas oportunidades a adolescentes que atravesan situacións complexas.
CONVIVE.COMigo é un programa desenvolvido pola Asociación ARELA, entidade sen ánimo de lucro especializada na atención á infancia e á mocidade, que busca persoas e familias dispostas a compartir temporalmente o seu fogar con adolescentes aos que se lles impuxo unha medida xudicial de convivencia.
O obxectivo é proporcionarlles un ambiente estable, educativo e positivo que favoreza o seu desenvolvemento persoal, a adquisición de hábitos de convivencia e a súa integración social, contribuíndo tamén a previr posibles situacións de reincidencia.
A través deste convenio, o Concello quere dar a coñecer entre as familias silledenses unha iniciativa que combina solidariedade, compromiso social e acompañamento educativo.
As persoas interesadas en participar non estarán soas neste proceso. A Asociación ARELA encárgase de realizar a valoración e selección das familias colaboradoras, proporcionarlles a formación necesaria e ofrecer acompañamento e seguimento profesional durante o desenvolvemento do programa, baixo a supervisión da Administración autonómica competente.
Deste xeito, búscase que a experiencia de convivencia sexa positiva tanto para os adolescentes como para as persoas ou familias que decidan implicarse.
A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena, destaca que «con este convenio queremos abrir unha porta á solidariedade das familias do noso concello e contribuír a que estes mozos e mozas poidan atopar unha contorna de convivencia que lles axude a reconducir a súa situación e construír novas oportunidades de futuro».
«Ás veces, contar cun ambiente familiar estable, con referentes positivos e con persoas dispostas a acompañar pode marcar unha diferenza moi importante na vida dun adolescente. Por iso consideramos fundamental dar visibilidade a este programa e animar á veciñanza a coñecelo», engade a rexedora.
Pola súa banda, a concelleira de Benestar Social, Ángela Troitiño, salienta que «non se trata só de ofrecer un fogar, senón de brindar comprensión, acompañamento e unha oportunidade para avanzar nunha etapa especialmente importante da vida».
Colaboración municipal e información ás familias
O convenio establece distintas liñas de colaboración entre o Concello e ARELA, entre elas a difusión do programa a través das canles municipais, a organización de sesións informativas e actividades de sensibilización, así como a posibilidade de facilitar espazos municipais para desenvolver estas iniciativas.
O Concello actuará como punto de información e difusión, mentres que ARELA asumirá as tarefas técnicas de valoración, selección, formación e acompañamento das persoas ou familias participantes.
A colaboración enmárcase no compromiso municipal coa protección da infancia e da adolescencia, a inclusión social e o apoio ás familias, reforzando o traballo que se desenvolve desde o departamento de Benestar Social.
As persoas que desexen coñecer máis detalles sobre o funcionamento do programa, os requisitos ou o proceso de participación poderán dirixirse ao departamento de Benestar do Concello de Silleda.
