· As sesións, enmarcadas no Plan Maior Seguridade, comezarán os días 27 e 28 de outubro en Cortegada e Lamela e continuarán o 17 de novembro en Cira
· Os axentes ofrecerán consellos prácticos para previr roubos, furtos e estafas, así como para utilizar de maneira segura os teléfonos móbiles e Internet
Silleda, 22 de outubro de 2026. O Concello de Silleda, en colaboración coa Garda Civil, pon en marcha un ciclo de charlas informativas nas parroquias do municipio no marco do Plan Maior Seguridade, unha iniciativa orientada a reforzar a protección das persoas maiores e proporcionarlles ferramentas para previr posibles delitos e situacións de risco na súa vida cotiá.
As primeiras sesións celebraranse o martes 27 de outubro, ás 18:30 horas, no centro social de Cortegada, e o mércores 28, tamén ás 18:30 horas, en Lamela. A programación continuará o martes 17 de novembro, ás 19:00 horas, en Cira.Ademais, nos vindeiros días daranse a coñecer novas datas e localizacións para estender esta iniciativa a outros centros sociais das parroquias do municipio, co obxectivo de achegar a información ao maior número posible de veciños e veciñas.
Prevención de estafas e seguridade no día a día
Durante os encontros, axentes da Garda Civil abordarán diferentes cuestións relacionadas coa seguridade persoal, prestando especial atención ás situacións que poden afectar ás persoas maiores.
Entre os asuntos que se tratarán figuran a seguridade nos domicilios, a prevención de roubos e furtos, as precaucións nas operacións bancarias e a detección de posibles estafas e enganos. Tamén se ofrecerán recomendacións para un uso seguro dos teléfonos móbiles e de Internet, especialmente ante o incremento das tentativas de fraude a través de chamadas telefónicas, mensaxes e medios dixitais.
As charlas terán un carácter eminentemente práctico e permitirán ás persoas asistentes formular preguntas, resolver dúbidas e coñecer pautas sinxelas de actuación ante posibles situacións de risco.
Dende o Concello de Silleda destácase a importancia de desenvolver este tipo de iniciativas de proximidade, especialmente nun municipio cunha ampla dispersión xeográfica e numerosos núcleos rurais, onde resulta fundamental achegar os recursos informativos e preventivos á veciñanza.
O goberno municipal agradece a colaboración da Garda Civil na organización destas sesións e anima á veciñanza a participar nelas, lembrando que a información e a prevención son ferramentas fundamentais para evitar delitos e reforzar a confianza e a autonomía das persoas maiores.
As charlas están abertas á veciñanza interesada e non precisan inscrición previa.
