A ITV móbil de vehículos agrícolas volta a Silleda durante máis xornadas e con horarios máis amplos

 

Silleda, 9 de febreiro de 2013. O servizo da Inspección Técnica de Vehículos (ITV) agrícolas volta ao municipio de Silleda o vindeiro mes de marzo. Entre os días 1 e 18 o servizo estará en catro localidades a disposición dos gandeiros e agricultores da zona. En Laro a ITV móbil desprazarase os días 1 e 4 ata o campo da festa; na Bandeira estará os días 5, 6 e 7 na rúa da Esmorga (antiga C2); e en Escuadro situarase fronte ao cemiterio os días 8, 11 e 14 de marzo próximos. Por último, o servizo estará dispoñible en Silleda (detrás do centro de saúde), os días 15 e 18 de marzo. En todos os casos as inspeccións realizaranse en horario de 09.00 a 13.30 e de 15.15 a 18.00 horas.

Os interesados en solicitar este servizo deben concertar cita previa chamando ao teléfono 881.920.490 ou ben a través da páxina web www.sycitv.com, no apartado de cita previa.

No ano 2012 realizáronse un total de 650 inspeccións de vehículos agrícolas na unidade desprazada ata o municipio de Silleda. Así, á vista da elevada demanda, este ano dende o departamento de Medio Rural, que dirixe Antonio Couso, solicitouse unha ampliación do servizo, que se traduce en máis xornadas e máis horas de atención. Co tempo establecido, a capacidade sería para atender uns 750 vehículos, cen máis dos contabilizados no exercicio de 2012.

Nas vindeiras semanas colocaranse nas parroquias avisos informativos para dar conta dos lugares e horarios onde se realizarán estas inspeccións periódicas.

Ampliación da recollida de plásticos agrícolas

Por outra banda, dende a Concellería de Medio Rural tamén se informa de que o prazo para avisar da recollida de plásticos agrícolas se amplia ata o vindeiro día 16 . En principio estaba previsto que os avisos se recolleran ata o 13 de febreiro, para iniciar despois o calendario de recollida. Aínda así, séguese a manter o inicio da recollida para o día 18 de febreiro, polo que dende o departamento de Medio Rural se pide aos gandeiros e gandeiras que se acolleron ao servizo que teñan listos os plásticos (limpos de residuos e atados) porque dende o luns 18 procederase a realizar a recollida. Logo deste servizo xeral, a recollida manterase ao long de todo o ano “para evitar tamén a acumulación de residuos”. Esta é unha das melloras acadadas polo departamento que dirixe Antonio Couso logo das negociacións coa empresa Secope, xunto coa estrea da recollida de neumáticos para os gandeiros e a de cartóns. Os interesados en que se lles retiren estes residuos deben de chamar ao Concello, ao número de teléfono 986 580000.