Silleda, 4 de xuño de 2013. O Concello de Silleda vén de emitir un bando no que informa da posta en marcha dunha nova campaña do Programa Galego de Detección Precoz de Cancro de Mama da Consellería de Sanidade, en colaboración coa Asociación Española de Loita contra o Cancro (AECC). No municipio de Silleda a campaña realizarse entre os días 11 e 21 deste mes de xuño.
O programa consiste na realización gratuita de mamografías a todas as mulleres veciñas do municipio que teñan entre 50 e 69 anos de idade.
As mamografías faranse na Unidade Fixa de Exploración, ubicada no Hospital Gil Casares, en Santiago de Compostela. Dende a Consellería remitiuse unha carta para comunicar ás mulleres a data e horario. Aquelas mulleres incluídas na citada franxa de idade, de 50 a 69 anos, que non recibisen esta carta poden chamar ao teléfono 981 141414, no que se lles dará cita.
Horario do autobús
Así mesmo, o programa contará este ano cun servizo gratuito de autobús para desprazarse ata o centro hospitalario. O punto de recollida situarase diante do Centro de Saúde de Silleda. O horario dos autobuses, entre os días 11 e 21 de xuño será ás 14.30; 16.15 e 18.15 horas.
Dende a Concellería de Sanidade de Silleda, que dirixe Dolores García, lémbrase a importancia que tén este programa para detectar a tempo posibles casos da enfermidade.