O Concello de Silleda colaborará, un ano máis, coa organización do programa Vacacións en Paz, de acollida de nenos e nenas saharauis durante o verán. As familias interesadas en participar neste acollemento poden recibir toda a información e inscribirse no departamento de Servizos Sociais.
Dende o Concello, quere facerse un chamamento á solidaridade entre os silledenses para participar nesta iniciativa de acollida. “Animamos aos veciños e veciñas a sumarse ao programa, para acoller aos nenos e nenas que viven nos campamentos de refuxiados de Tinduf, en Arxelia, e que grazas a Vacacións en Paz poderán sair do deserto e deixar, por uns meses as duras condicións de vida que teñen que soportar”, sinala a concelleira de Benestar Social, Dolores García.
Así mesmo, tamén se vai a colaborar na medida do posible coa asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui. Neste senso, Silleda participa de novo na campaña de recollida e reciclaxe de roupa e calzado usado, coa que se busca financiar precisamente o programa Vacacións en Paz.
Campaña ata o 31 de decembro
A citada campaña manterase en Silleda e noutros Concellos da comarca do Deza ata final de ano, logo de realizarse con éxito en 2012. Todas aquelas persoas que queira colaborar con esta iniciativa solidaria poden aportar roupa e calzado usado nos puntos de recollida habilitados. No caso de Silleda están situados en Servizos Sociais, na Casa da Cultura e tamén en Serinter (galerías da avenida do Parque).
Solidariedade Galega co Pobo Saharaui entregará a roupa e o calzado usado a unha empresa de reciclaxe, obtendo uns beneficios económicos, para poder facer realidade o Programa Vacacións en Paz 2014 e outros proxectos de cooperación (sanitario,educación ,…) cos Campamentos de Refuxiados do Sáhara.