Silleda, 5 de xuño de 2014. O vindeiro sábado día 7 abrirase ao público a exposición Silleda no século XIX, unha mostra que percorre a través da arte, documentos e outros elementos expositivos a historia do municipio nun século clave. A mostra estará aberta ao público na Casa da Cultura, durante máis de un mes, ata o vindeiro día 13 de xullo, con entrada libre e visita en horario de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas todos os días. Como xa se explicou durante a presentación, a mostra contará con tres salas : sala civil, arte sacra e unha adicada ao santuario da Saleta de Siador. Ademais, na pranta baixa do edificio estará disposto material turístico e outras creacións relacionadas coa época que protagoniza esta iniciativa.
O acto inaugural celebrarase o sábado ás 20.00 horas na propia Casa da Cultura. Logo das intervencións de benvida do alcalde, Manuel Cuíña, e do presidente da Fundación Nuestra Señora de La Saleta, Roberto Rivas, gran valedor desta iniciativa, terán lugar unha serie de relatorios breves (cada conferencia durará entre 15-20 minutos) a cargo de varios expertos en arte e historia.
Así, o escritor e historiador Armando Vázquez falará sobre a historia de Silleda no século XIX e Francisco Rubia, experto en patrimonio artístico disertará sobre O patrimonio monumental en Trasdeza. No acto intervirán tamén César Carnero, delegado de Patrimonio histórico-artístico da Diócese de Lugo, que falará sobre a arte sacra do municipio e por último o padre saletino Heliodoro Santiago, sobre os 150 anos de devoción mariana en Siador.
Logo das conferencias, que en total se achegan a unha hora de duración, haberá unha audición musical, a cargo dun grupo de metal da Banda Municipal de Música de Silleda, fundada tamén no século XIX. Actuarán Santiago Fuentes, Alejandro Torres, Alberto Lázara, Ángel Pablo González (trompetas), Samuel Pérez, Juan Manuel Ocampo, Luís Fuentes, Andrés Novo (trompas), Marcos Torres, Manuel de la Torre, Marcos Pereiro (Trombones), Rafael de la Torre, Alfredo López (Tubas), interpretando tres pezas baixo a batuta de Rafa Agulló. Na apertura da mostra sonará a Ceremonial Fanfare, de Johan De Meij; A song for Japan, de Steven Verhelst, e Colliwog’s Cakewalk, de Debussy.
O acto inaugural rematará coa visita ás tres salas da exposición e unha degustación a base de produtos da terra.
Oportunidade única e amplo catálogo
En xeral, a mostra está formada por obxectos únicos que posiblemente non se volverán a ver xuntos nunha mostra aberta ao público. Ademais de elementos de propiedade privada hai outros titularidade do Concello e no caso da sala de arte sacra, imaxes e outros donados por varias parroquias silledenses, ás que dende a organización se lles agradece a súa colaboración con esta mostra, que xurdiu a raíz da celebración do 150 aniversario do santuario da Saleta. Dada a valía das pezas a mostra contará cun completo sistema de seguridade.
Na sala civil destacan, entre outros, unha placa feita polo Marques de Sargadelos, das que só hai tres exemplares en toda España, e que foi donada polo seu autor ao rei Fernando VII durante a guerra da Independencia. Tamén figura un gravado orixinal do mosteiro de Carboeiro, obra de Castro Gil, considerado o mellor gravador de todos os tempos e que traballou para o Banco de España na súa época; así como documentos orixinais de 1853 cos selos dos Alcaldes de Silleda e Chapa. Na sala de arte sacra, entre as 15 imaxes de diferentes parroquias, destaca unha da Virxe do Leite da parroquia de Negreiros, a máis antiga das expostas, en madeira policromada e que data do ano 1400.
Na sala adicada á Saleta tamén figuran, entre outros, dous relicarios con fragmentos da pedra onde se di que apareceu a Virxe en La Salette, Francia. Fotografías, chaves, misais… e outros obxectos curiosos completan esta retrospectiva sobre Trasdeza.
Todas as pezas forman parte do catálogo da mostra, que nas súas 120 páxinas detalla cada unha delas.
“Agardamos que a mostra, dado o seu contido e valía, sexa visitada polos nosos veciños e veciñas”, apunta o alcalde, Manuel Cuíña, que agradece a todos os colaboradores, e en especial a Don Roberto Rivas, os seus apoios e aportacións para facer realidade esta iniciativa.