A programación de Nadal contará con preto de 40 actividades

Silleda, 28 de novembro de 2016. O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, acompañado polas concelleiras Ana Luisa González, e Pilar Peón, presentou hoxe a Programación de Nadal 2016-2017 na que figuran preto de 40 actividades para todas as idades e gustos.

A programación arranca o vindeiro sábado na Bandeira co concerto de Santa Icía na Bandeira e remata o 7 de xaneiro co concerto de Aninovo.

Ademais de actividades xa tradicionais, coma os obradoiros da Casa da Xuventude –con temática moi variada-, o programa inclúe tamén novas propostas coma os  encontros interxeneracionais arredor da música tradicional.

Tamén volta a Carreira de San Silvestre, o 31 de decembro, que se recuperou con éxito o pasado ano, e o concurso de escaparates, que comezará o vindeiro venres día 9 e que vai xa pola décimo sétima edición.

Tamén se incorporan actuacións destacadas, coma a obra de teatro Retrincos de Castelao, que chegará ao auditorio Manuel Dopazo da Bandeira o domingo 11. Esta obra, que chega a través da Deputación de Pontevedra no marco da celebración do Ano Castelao, foi  creada pola compañía Culturactiva para achegar ao público actual a vida e a traxectoria de Castelao, combinando a comedia con elementos dramáticos. Dirixida por Diego Rey, esta obra pon sobre o escenario a dous actores amplamente coñecidos na escena galega, Isabel Risco e Fran Rei. 

A Casa da Xuventude será un dos escenarios onde ademais dos tradicionais obradoiros se celebren outras actividades. Así, o vindeiro martes 6 de decembro Raquel Queizás chega a estas dependencias cos contos de “A maleta da avoa”, para nenos e nenas maiores de 3 anos.

Tamén o día 20 comezarán na Casa da Xuventude os obradoiros do programa Tecendo Lazos, para intercambiar coñecementos entre varias xeracións arredor da música tradicional. As inscricións poden realizarse ata o 16 de decembro.

O día 29 o Apalpador visitará tamén a Casa da Xuventude donde dende o día 13 se  celebrarán obradoiros de distinta temática (de reciclaxe para facer murais con tapóns de plástico, de campas de Nadal, cartas aos Reis Magos…). A festa infantil de fin de ano tamén volta o día 30 e o 29 será o campionato de tenis de mesa nestas mesmas instalacións.

Na Biblioteca Municipal Daniel Castelao celebraranse tamén actividades coma as “Citas literarias”, que comeza o vindeiro luns día 5, unha árbore de Nadal  con decoración adicada aos escritores galegos, ou a sesión de contacontos prevista para o xoves 22.

 

Música e solidariedade

No ámbito musical o programa contempla varios concertos, algún deles xa clásicos no programa sillendese.

O xoves día 8, terá lugar o concerto de Magín Blanco e a banda das apertas no auditorio Manuel Dopazo para o público familiar.  E o sábado día 10 o programa Avelaíña para o público infantil trae a presentación do disco “Fíos do Querer”, de Cé Orquestra Pantasma, para os máis pequenos da casa ao centro cultural Vista Alegre.

O sábado 17 terá lugar o festival de Nadal da Coral Polifónica Trasdeza, na igrexa parroquia de Silleda e o domingo 18 no auditorio Semana Verde  a audición da Escola de Música de Silleda.

O venres día 30 ás 21:00 horas celebrarase o Concerto de Ndadal da Banda Municipal de Silleda, un concerto que terá como temática a música de Disney.

A música tamén poñerá o broche de ouro ao programa o sábado 7 de xaneiro, co concerto de Aninovo no auditorio Manuel dopazo, no que actuarán todos os grupos de música e teatro da Bandeira.

Este último será unha das citas nas que se recollerán donativos e alimentos para o programa Silleda Solicadia xunto con actividades coma o Torneo de Fútbol Biberón, no pavillón municipal de Silleda (o sábado 17 ás cinco da tarde). Ao remate celebrarase ademais unha exhibición por parte dos alumnos e alumnas de Zumba.

Dende o Banco de Alimentos do programa solicítase sobre todo a entrega de conservas, leite e aceite, o máis necesario a día de hoxe para aprovisionar ás familias usuarias.

Alumeado de Nadal dende,  asociacións en invitacións do Concello para o Silleda Park

O vindeiro 15 de decembro acenderase o alumeado de Nadal nas principais rúas de Silleda e da Bandeira.

Por outra banda o programa de Nadal inclúe tamén actividades organizadas por asociacións e colectivos, caso da I Festa do Porco (os días 10 e 11 de decembro); a festa de Santo Tomé en Parada, organizada pola Asociación de Veciños desta Parroquia, ou actividades en Vista Alegre. Así figuran a apertura do Belén tradicional o día 12; a demostración gastronómica de Nadal do martes día 20,e  a visita de Papá Noel o día 25.

Os premios do concurso de escaparates entregaránse o día 4 de xaneiro e para o sector do comercio o programa contempla tamén a actividade Silleda Agasalla, organizada en colaboración tamén coa Concellería de Normalización Lingüística.

A Cabalgata de Reis, unha das actividades máis destacadas voltará ás rúas de Silleda o xoves 5 de xaneiro. O percorrido rematará nas instalacións da Semana Verde, onde os nenos e nenas serán recibidos polas súas Maxestades de Oriente e haberá chocolate con churros gratis para todos os asistentes.

Así mesmo, e no marco da campaña “Empadróate en Silleda, porque en Silleda somos máis”, todos aqueles nenos e nenas que estén censados no municipio terán unha entrada gratis no Concello para acceder ao Silleda Park, o parque de atraccións que se celebra no Nadal no recinto Semana Verde.

 

Contos de Nadal con Isi e Celsiño

Outra das actividades previstas terá lugar o venres 23 ás 20:30 horas no Salón Parroquial de Silleda, co humorista Isi e o contacontos Celsiño, un espectáculo recomendado para os maiores de 12 anos. Cuiña agradeceu a colaboración da parroquia e o párroco de Silleda por prestar estas instalacións.

Para os maiores

A Concellería de Benestar organiza o venres 16 a tradicional xuntanza de Nadal para os maiores no restaurante Coteliño e o xoves 29 terá lugar o existoso ensaio das uvas de fin de ano.

Un agasallo, un sorriso

Ademais de todas estas actividades, dende o departamento de Benestar Social levarase a cabo a campaña de recollida de agasallos ‘Un agasallo, un sorriso’ para que todos os nenos e nenas do noso Concello poidan disfrutar do Nadal. Todo o donado debe ser novo e recolleranse xoguetes, material escolar, material de hixiene e cosmética e calquera outra doazón que se considere oportuna para esta campaña. Todo o donado deberá entregarse nas dependencias de Servizos Sociais.

O programa será remitido a todos os fogares do municipio e como vén sendo habitual nos últimos anos tamén se editará dende o Concello o “Peke-programa de Nadal” ,no que se recollen actividades específicas para o público infantil.

O alcalde tamén agradeceu na presentación das actividades a colaboración da Deputación de Pontevedra, que financia ademais varias actividades, e de Emsé Deseño gráfico, que deseñou o programa de xeito desinteresado.