Silleda, 21 de decembro de 2018. O Concello de Silleda vén de licitar a actuación denominada Mellora de Mobilidade e Seguridade Vial no Entorno do Centro de Saúde e Centro Social de Maiores de Silleda, coa que se urbanizará todo o entorno da rúa Chousa Nova.
Esta actuación, a través do programa Depo Remse, da Deputación de Pontevedra, suporá unha inversión de case 500.000 euros.
A licitación realízase por procedemento aberto e as empresas dispoñen dun prazo de 26 días naturais contados a partir da publicación do anuncio. Dado que esta publicación se realizou na xornada de hoxe o prazo remata o vindeiro 16 de xaneiro. O orzamento base de licitación (gasto máximo autorizado) para este contrato queda fixado na cantidade de 498.391,68 € (IVE incluído). Os pregos poden consultarse no perfil do contratante da web municipal (sección Obras). As obras teñen un prazo de execución de tres meses.
O programa Depo Remse ten como obxectivo permitir aos municipios de menos de 50.000 habilitantes a remodelación das súas rúas e viarios para facilitar a comunicación entre espazos dotacionais.
Esta actuación suporá a urbanización total dunha das zonas máis transitadas da vila, onde se ubican servizos coma o Centro de Saúde, o Centro Social dos Maiores ou o cuartel da Garda Civil e que comunica a vila con espazos coma o Parque Municipal das Pedrosas.
Con esta obra urbanízase pois o tramo coñecido como rúa Chousa Nova, dende o enlace coas rúas María Colmeiro e avenida do Parque, ata o cruce coa EP-7201 e a PO-201.
A obra, xunto coa urbanización do entorno do Centro de Día e Residencia dos Maiores suporá o arranque definitivo do futuro cinturón verde da vila de Silleda, que unirá a zona do recinto feiral coa carballeira das Pedrosas.
Ademais da dotación de pasos sobreelevados tamén se acondicionará o tramo con zonas axardinadas, adoquíns, novo mobiliario (farolas, papeleiras…), aparcamento e servizos coma unha parada de autobús e outra para taxi.
“Logramos con esta actuación outra inversión histórica para o noso municipio que mudará o aspecto desta zona e suporá iniciar un proxecto máis ambicioso a nivel de ordenación urbanística”, explica o alcalde, Manuel Cuiña, que agarda que a urbanización e mellora da seguridade no tramo do entorno da Residencia de maiores se poida iniciar canto antes.
Esta zona da vila tamén mellorará notablemente a seguridade coa mellora integral da EP 7201, entre Silleda e Forcarei, na que a Deputación investirá ademais outros 453.000 euros.