Silleda, 4 de xaneiro de 2019. Os Reis Magos chegarán mañá sábado de novo a Silleda para vivir cos nenos e nenas outra xornada de ilusión. Melchor, Gaspar e Baltasar arribarán á Casa da Cultura en coche de época para ser recibidos ás 18:00 horas polo alcalde, Manuel Cuiña, entre outros representantes municipais.
Logo da recepción e do xa tradicional saúdo dende o balcón, está previsto que dé comezo o tradicional percorrido da Cabalgata, integrada por 3 carrozas, autobús antigo e un tren turístico. Estarán acompañados en cadansúa carroza por nenos e nenas de Silleda que participan como paxes na comitiva real de Melchor, Gaspar e Baltasar.
A cabalgata organizada dende a Concellaría de Cultura discorrerá polas ruas Progreso, Avenida do Parque, María Colmeiro, Venezuela e rúa Outeiro, (que se cortarán ao tráfico a partir das 17:30) rematando na praza Juan Salgueiro de Silleda , onde se servirá chocolate con churros gratis para todos os asistentes, unha vez que as Súas Maxestades reciban aos nenos e nenas para recoller as súas peticións.
Tanto o chocolate coma os miles de caramelos que se repartirán durante o evento son sen gluten, aptos para persoas celíacas.
Dende a organización, agradécese a participación de voluntarios, e colaboradores desta iniciativa, unha das grandes citas do Programa de Nadal que remata o domingo co concerto de Aninovo no auditorio Manuel Dopazo da Bandeira (17:30 horas). Actuarán ademais de Xirandola e Fortín da Pomba, o Coro Vales Mahía, acompañando á Banda Recreativa e Cultural da Bandeira onde se estrea como director Manuel Payno.