Silleda, 26 de marzo de 2019. A Residencia de Maiores e Centro de Día de Silleda celebrará esta fin de semana xornadas de portas abertas para dar a coñecer a todas as persoas interesadas as instalacións e funcionamento do centro. As persoas que o desexen poden achegarse ata o edificio (entrando pola parte traseira, hacia o recinto feiral) durante toda a xornada deste vernes 29 (de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas) e tamén o sábado 30 e domingo 31 pola mañá (de 10:00 a 14:00 horas).
Para facilitar o acceso e coordinar as visitas, establécense turnos cada media hora, para que os visitantes poidan percorrer as instalacións acompañados de personal do centro que lles explicarán as funcionalidades do mesmo, o tipo de estancias e cuestións relacionadas co funcionamento da residencia e do Centro de Día.
A empresa concesionaria do servizo, Coviastec Silleda, ten previsto comezar a traballar con residentes e usuarios do Centro de Día nos primeiros días de abril.
O Centro, unha das grandes demandas de Silleda, construido en terreo municipal, contará con 59 prazas residenciais e 20 de Centro de Día. Dende o Concello de Silleda o alcalde, Manuel Cuiña, anima aos veciños e veciñas do municipio a coñecer estas instalacións, “polas que tanto tempo esperamos e que sen dúbida algunha veñen a ofrece un servizo moi necesario”, engade.