Silleda, 2 de abril de 2019 .A Concellería de Normalización Lingüística do Concello de Silleda, que dirixe Pilar Peón, ven de convocar a que será a sétima edición do Concurso de Microrrelatos ao que poderán concorrer persoas empadroadas en Silleda a partir dos 6 anos de idade. A temática deste ano serán as Redes Sociais e valorarase a orixinalidade e a creatividade.
O prazo para presentar os traballos ábrese hoxe martes s e rematará o luns 22 deste mes. As bases, que poderán consultarse na web municipal, establecen como en anos anteriores dúas categorías: unha para nenos e nenas de 6 a 12 anos e outra para persoas de 13 anos en adiante.
Os textos, que terán que estar titulados e escritos integramente en galego, poderán presentarse en dúas modalidades: a ordenador, (cun máximo de 500 caracteres), e tamén escritos a man, (máximo 100 palabras). Deben presentarse en papel DIN A4, sempre firmados baixo pseudónimo, nun sobre co nome do concurso e a categoría na que participa. Noutro sobre pechado irán os datos persoais. Os traballos deberán ser inéditos e non terse presentado a outros certames e deberán ser entregados no rexistro do Concello de Silleda, ou remitidos por correo ordinario ao seguinte enderezo: Concello de Silleda – Rúa Trasdeza, Nº55 – 36540 Silleda.
O xurado encargado de elixir os mellores microrrelatos estará composto por profesionais dos medios de comunicación e a concelleira de Normalización Lingüística, Pili Peón, ou a persoa en quen delegue.
O fallo do xurado darase a coñecer antes do vindeiro 10 de maio, e os nomes dos gañadores serán publicados a través da web www.silleda.gal, ademais de notificarselle aos interesados a través dos datos facilitados coa presentación do traballo.
Os premios, consistirán na categoría de 6 a 13 anos nunha tablet valorada en 120 euros máis un libro en galego e na de 13 anos en adiante unha tablet valorada en 145 euros e un libro en galego.
“O fomento da creatividade e do uso da lingua galega entre os máis novos seguen a ser os obxectivos desta proposta que cada ano conta con máis participación”, comenta a concelleira.
As bases do certame publicarase tamén na web municipal.