Silleda, 8 de abril de 2019. O Concello de Silleda xa entregou á oficina técnica do Pacto de Alcaldes polo Clima e a Enerxía, a documentación relativa á adhesión do municipio a este programa. Un membro da citada oficina técnica, mantivo un encontro co alcalde, Manuel Cuiña, e con técnicos municpais na que se abordaron as primeiras instruccións para elaborar o Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sustentable, que deberá de estar rematado nun prazo de dous anos.
Asi mesmo, tanto o técnico municipal de Medio Ambiente como o enxeñeiro encargado da Rede de Calor con Biomasa, realizaron unha visita co representante da oficina á central de producción da Rede ou a futura residencia, un dos centros que se nutrirá con esta enerxía sustentable.
A adhesión a este programa implica asumir os obxectivos adoptados pola Unión Europea para frear o cambio climático, adoptando as medidas necesarias para reducir, de aquí ao ano 2030, un 27% do consumo enerxético e un 40% as emisións de CO2, ao tempo que se aumenta un 27% o emprego de enerxías renovables.
Ademáis, supón a adopción de medidas de adaptación fronte aos riscos e vulnerabilidades aparelladas ao cambio climático, como son as secas, a elevación do nivel do mar, ou unha maior frecuencia dos episodios de temperaturas extremas e chuvias torrenciais.
Unha vez aprobada a adhesión ao Pacto, o concello debe elaborar e presentar un plan de acción que garanta o cumprimento destes obxectivos no ano 2030.
O Pacto foi lanzado en Europa no ano 2008, e implica xa a case 8.000 autoridades locais pertencentes a 57 países de todo o mundo. En Galicia está coordinado pola Xunta, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.
Ademais, coa adhesión ao Pacto, o Concello de Silleda contribúe á consecución da Axenda 2030, un chamamento universal desenvolvido polas Nación Unidas para acadar un mundo máis xusto e sustentable. Esta folla de ruta concrétase en 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable, e mediante esta iniciativa póñense en práctica de xeito máis directo o ODS 13 Acción polo Clima e o ODS 17 Alianzas para acadar os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable.
A adhesión ao Pacto dos Alcaldes, implica a adopción dun Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible que inclúe medidas para o freo do cambio climático, consistentes na reducción de consumos enerxéticos e a substitución de enerxías fósiles por renovables, reducindo así a pegada de carbono do municipio. Estas medidas aplicaranse sobre edificios, instalacións, equipamentos e o transporte, tanto público como privado, e nos ciclos de tratamento de aguas residuais e dos residuos sólidos urbanos.
Ademáis, o Plan de Acción implica o deseño de medidas de adaptación ao cambio climático, preparando así ao concello de Silleda para facer fronte aos riscos e vulnerabilidades aparellados a este proceso. O concello ten un prazo de dous anos, contado a partir da data do acordo municipal de adhesión ao Pacto, para aprobar este Plan de Acción. Despois, cada dous anos, terá que dar conta dos seus avances na procura dos obxectivos previstos para o 2030.
Para acompañar tanto a elaboración do Plan de Acción como da súa implementación, o concello contará co apoio da oficina técnica do Pacto dos Alcaldes, posta a disposición dos 313 concellos galegos pola Direccion Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Esta oficina, a través do Centro de Asistencia aos Concellos e do Observatorio de Fondos e Convocatorias, realizará un asesoramento personalizado ao Concello de Silleda, tanto na elaboración do Plan de Acción como na súa implementación.
Polo bo camiño
Con este paso, o Concello de Silleda intégrase no maior movemento mundial de autoridades para a loita contra o cambio climático. O alcalde, Manuel Cuiña, advirte que “Silleda está no bo camiño, con apostas como a Rede de Calor, unha iniciativa que entre outros reducirá tamén as emisións de CO2 ao medio”, engade.