Silleda, 10 de abril de 2019. O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, e a concelleira de Turismo, Ana Luisa González Costa, mantiveron hoxe un encontro con directivos da Asociación Culutural Cabaleiros de Regadío, de Laro, un colectivo que acaba de constituirse para promover a celebración de rutas cabalares.
Ao encontro asistiron José Manuel Donsión e Diego Peña Taboada, membros do grupo que xa está a traballar na celebración da ruta que terá lugar o vindeiro sábado 11 de maio.
O percorrido comezará ás 15:30 horas, con saída dende o campo da festa de Laro continuando polos montes de Parada e en dirección ao Candán, onde se fará unha parada no entorno do alto de San Benito para enfilar o regreso a Laro. Alí, nunha carpa celebrarase unha cea baile no que haberá ademais un sorteo de diferentes obsequios, e actuación musical.
Dende o Concello de Silleda colaborarase con esta ruta, que xa se vén celebrando dende hai dous anos cun notable éxito de participación. “Temos unhas fermosas paisaxes e colectivos como este que acaba de nacer , pero que xa ten experiencia na celebración da ruta, polo que colaboraremos como facemos noutras ocasións con actividades que dinamizan e promoven o noso territorio”, indica a concelleira de Turismo.
As persoas que desexen participar xa poden anotarse poñéndose en contacto cos directivos da asociación, nos teléfonos 662 543817 ou no 670 768819.