O Concello de Silleda amplia a colaboración coa Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui

Silleda, 12 de abril de 2019.  O alcalde de Silleda, Manuel Cuíña e a presidenta da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui, Maite Isla, asinaron hoxe o convenio de colaboración  para o desenvolvemento do programa Vacacións en Paz 2019, que se desenvolverán  durante os dous meses de verán, no que nenos do pobo saharaui estarán no Concello de Silleda.

Este convenio ten coma obxectivos principais garantir os dereitos e necesidades fundamentais dos rapaces e rapazas que visiten o municipio trasdezá dentro deste programa,  así coma asegurar a súa integridade física e emocional, respectar as súas crenzas, favorecer a integración no seu medio durante a estadía no país, respectar o marco legal dos dereitos dos menores e garantir o regreso ao seu país coas súas familias.

A aportación municipal increméntase este ano en 500 euros, co que en total serán 1.500 euros os que o Concello de Silleda destine ao programa. A día de hoxe hai xa 5 familias que acollerán a nenos e nenas durante os meses de xullo e agosto.

 

No acto da sinatura participaron tamén a concelleira de Benestar, Educación e Igualdade, Pili Peón, o delegado Saharaui para Galicia, Mohamed Zerga e o responsable da entidade no Deza, Pablo Romeo.

Maite Isla agradeceu a colaboración do Concello de Silleda que ademais vén acollendo dende hai 7 anos xa o Mes Cultural de Axuda ao Pobo Saharaui. Esta iniciativa terá o domingo a súa primeira actuación, con Mofa e Befa e a obra Cartoons, para o público familiar no auditorio Manuel Dopazo da Bandeira.

O alcalde, Manuel Cuiña, sinalou que “para o Concello de Silleda é todo un pracer poder seguir colaborando coa causa do Sahara e é de xustiza tamén recoñecer o traballo que esta entidade está a facer dende Galicia”, engadiu.

O mes cultural que traerá o 4 de maio a Pepe Viyuela ao auditorio Semana Verde e contará cunha xornada de teatro e música na Bandeira o 25 de maio ten como obxectivo recadar fondos precisamente para costear Vacacións en Paz, un programa grazas a que numerosos nenos e nenas do dos campamentos de refuxiados do Sáhara disfrutan dun verán alonxado das duras condicións de vida do deserto, ademais de contar con revisións médicas.

Dende o Concello tamén se fai un chamamento á cidadanía acudir as citas culturais solidarias. “ É importante contribuir a unha boa causa coma esta”, indica o alcalde.

A primeira cita terá lugar este domingo 14 no auditorio Manuel Dopazo da Bandeira ca representación da obra “Cartoóns”, un espectáculo para o público familiar que poñerán en escea Mofa e Befa, unha compañía que vén colaborando e participando no programa nos últimos anos. A cita será ás 19:00 horas con entradas a 5 euros (3 euros para nenos e nenas de 3 a 12 anos).

O 4 de maio chegará o espectáculo central deste ano co coñecido actor, humorista e poeta Pepe Viyuela, gran coñecedor da causa saharaui e considerado tamén un dos grandes impulsores do proxecto “Payasos sin fronteras”, estará no auditorio da Semana Verde ás 21:00 horas, co espectáculo “Encerrona”. O donativo será neste caso de 10 euros.

Teatro e música daranse a man na última cita do Mes Cultural de Axuda ao Pobo Saharaui o sábado 25 de maio na Bandeira. A xornada, a partir das 18:00 horas, contará coa participación da Banda Xuvenil e a Peke Banda da Bandeira que acompañarán aos grupos infantís de teatro Papaventiñ@s de Vedra; Escenario Público, de Silleda; Medias Verdes, da Bandeira, e Os Xurelos e Xureliños de Antas de Ulla, coa colaboración da actriz silledense (que dirixe a estes grupos), Cristina Collazo. O donativo neste caso será voluntario.

As entradas para as funcións poderán adquirirse en taquilla unha hora antes e a través de Ticketea.