Silleda, 27 de agosto de 2019. A Escola de Baloncesto de Silleda, xestionada pola Fundación Heracles –vinculada ao Obradoiro CAB- retoma a súa actividade ao longo do mes de setembro. Esta actividade está dirixida a nenos e nenas dos 5 anos en adiante.
As inscricións poderán realizarse dende mañá no rexistro do Concello. O prezo da actividade é de 15 euros ao mes e as clases impartiránse no pavillón César G. Fares.
As inscricións deben de realizalas tanto os alumnos/as de nova incorporación coma os que xa participaron no centro dende a súa apertura no mes de abril.
“Agardamos que este ano haxa o mesmo interese e ilusión no inicio da Escola, unha iniciativa que se retoma ao amparo do convenio entre o Concello de Silleda e o Obradoiro CAB de baloncesto e que neste ano impulsaremos coa federación de varios equipos para poder participar en competicións”, indica a concelleira Mónica González.
A escola botou a andar o pasado ano con máis de 30 nenos e nenas e nesta nota etapa buscarase dar un paso máis formando equipos para competir xa esta tempada nas diferentes categorías.
Dende a Concellería de Deportes anímase a participar nesta escola, “unha iniciativa que estreamos con éxito logo de que Silleda se convertirá en sede do equipo filial do Obradoiro CAB xa no ano 2017”, indica lembrando que o conxunto Obradoiro Silleda volverá a disputar os encontros como conxunto local no pavillón César González Fares militando de novo en liga EBA.