Silleda, 2 de setembro de 2019. O Concello de Silleda vén de presentar a nova oferta de cursos da Concellería de Cultura para o rural e a vila de Silleda.
No tocante aos cursos do rural ofértanse un total de 22 cursos. Así no ámbito da actividade física figuran ciclos de hipopresivos, zumba, aerobic, bailoterapia, ximnasia de mantemento, pilates e bailes de salón.
No ámbito da expresión artística ofértanse para as parroquias de Silleda un total de 10 modalidades. Trátase de cursos de calceta, manualidades, centros de mesa con material reciclado, pintura en tela, cesteiría, pintura con area; repostería, elaboración de xabróns naturais, pintura e arte floral con flor artificial.
Un ano máis a oferta inclue outros ciclos relacionados coa cultivo da horta e xardín. Así ofértanse cursos de poda e enxerto, horta ecolóxica, plantas aromáticas e medicinais, paisaxismo e xardinería e tamén un de cociña.
Todos eles precisan dun número mínimo de alumnos para poder celebrarse. A información está a ser remitida as asociacións veciñais –a través das que se canaliza a celebración destes cursos- e todas aquelas persoas que estén interesadas poden recibir máis información sobre o contido dos ciclos, prezo e outros, chamando ao Concello de Silleda (986 580000) ou remitindo un mail a cultura@silleda.gal.
“Cremos que se trata dun oferta que pode ser moi interesante para os veciños e veciñas do rural”, indica a concelleira de Cultura, Mónica González, reiterando ao igual que o pasado ano que o programa se pode modificar se xurden novas propostas para estes cursos subvencionados polo Concello.
Silleda Form@cción
Tendo en conta que na vila da Bandeira tamén se ofertan cursos a través do colectivo Vista Alegre, dende o Concello volta un ano máis o programa Silleda Form@cción, para a vila de Silleda. A oferta conta con 10 cursos en total. Así ademais dos cinco citados anteriormente sobre horta e saúde (enxerto, horta ecolóxica, plantas aromáticas e medicinais, paisaxismo e xardinería; e cociña) tamén se ofertan manualidades, calceta, cestería, arte floral, fotografía e o de elaboración de xabróns e cosmética natural.
Tamén se precisa un número mínimo de alumnos/as para estes cursos. Os interesados tamén poden recibir máis información e inscribirse no Concello ou a través do enderezo electrónico info@sillega.gal.