Silleda, 19 de febreiro de 2020. A Concellería de Urbanismo vén de convocar para o vindeiro luns día 2 de marzo (ás 20:30 horas na Casa da Cultura de Silleda) a que será a primeira das reunións da mesa de traballo para falar da mobilidade ou cuestións coma o aparcamento nas vilas do municipio.
A mesa, que se acordou crear no pleno do pasado 30 de xaneiro, estará integrada por representantes dos grupos municipais e dos colectivos. A Xuntanza convocouse para esta xornada para facilitar a asistencia do coordinador do Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS), financiado pola Deputación de Pontevedra e aprobado hai uns meses. Un denso traballo no que participaron veciños (a través de reunións de traballo, enquisas presenciais e on-line) grupos políticos (a excepción do PP, que declinou) e distintos colectivos.
Así o avanzou hoxe o alcalde, Manuel Cuiña, nunha xuntanza con veciños e comerciantes da rúa Progreso, que o pasado luns se achegaron ata o Concello a raíz dunha nota publicada polo BNG.
“Non hai ningún proxecto, como dixo o BNG. O único que se fixo foi presentar unha memoria, baseándonos no PMUS, para optar –por primeira vez neste Concello- de xeito directo a unha subvención da Unión Europea a través do programa IDAE , Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía”, explicou o alcalde lamentando que este grupo se referira públicamente a cuestións que se debatirán “nunha mesa que eles mesmo propuxeron, creando unha alarma innecesaria entre os veciños”, engade o rexedor.
Durante a xuntanza Cuiña explicou pormenorizamente os trámites que se levaron a cabo para optar á subvención de 800.000 euros (a UE financiaría o 80% do investimento), na que se terán en conta cuestións coma o aforro enerxético e a reducción de emisións de CO2.
“Nunha faremos un proxecto destas características sen ter en conta a opinión dos veciños. Nunca. Agora imos a esperar á resolución, ver alternativas e en todo caso se non hai consenso renunciarase”, engadiu.
O alcalde explicou que por cuestións de plazos se optou polo tramo da Progreso para aproveitar o traballo recollido no Plan de Mobilidade, “un documento moi completo que recolle moitas e diversas cuestións pero que non é vinculante”, matizou.
Na memoria remitida para a subvención só figura un avance da rúa, con plataforma única e beirarrúas máis amplas, limitando o tráfico a 30 km/h, e deixando estacionamento só por unha marxe, ademais de renovar pavimentos, mobiliario urbano e farolas.
Durante a xuntanza os asistentes expuxeron a súa preocupación pola falta de aparcamientos, cuestións que está tamén pendente de resolverse co PXOM, e abriuse un debate sobre temas sobre o estacionamento por tempo limitado.
“Temos tempo para debatir e pensar”, indicou o alcalde, que convida a todos os veciños e veciñas que o desexen a acudir á reunión do vindeiro luns día 2 de marzo.