Silleda, 21 de febreiro de 2020-. O Concello de Silleda vén de colocar o segundo tramo do repetidor da Televisión Dixital Terrestre (TDT) sito na parroquia de Parada, completando así os traballos de traslado de dita instalación, asumidos pola entidade local.
As obras iniciáronse xa o pasado ano para trasladar, por indicación da Xunta, a través da Secretaría Xeral de Medios, a instalación existente varios metros máis arriba. “Despois da cimentación realizada e de colocar o primeiro tramo, agora xa está lista toda a torreta. O Concello de Silleda asumiu o seu compromiso e agora estamos á espera de que os responsables autonómicos fagan o traslado dos equipos para poder poñer fin aos problemas de cobertura que se veñen rexistrando nas parrqouias desta zona do municipio”, engade o alcalde, Manuel Cuiña
Estes traballos realizáronse logo do compromiso adquirido dende o goberno local para mellorar este servizo. Así mesmo, dende o Concello actúase baixo as indicacións técnicas da Secretaría Xeral de Medios, coa que se coordinará o cambio dos equipos dende a antena actual ata a nova estación, situada a uns metros, preto do cemiterio parroquial de Parada.
Ademais de trasladar a antena, tamén se optou por elevala varios metros para mellorar o sinal de entrada, onde parece que radicada o problema das interrupcións nas emisións que se viñan detectando nos últimos meses.
“Tal e como explicamos no seu día aos veciños e veciñas, dende o Concello de Silleda, conscientes dos graves trastornos que estaba a ocasionar este servizo na zona, asumimos o custe dos traballo, á espera de que con estes cambios se solucionen dunha vez por todas os problemas de rececpción da sinal televisiva”, explica o alcalde.
Este repetidor, que da servizo ademais de a Parada a localidades de parroquias como Laro ou Refoxos, xa sufriu modificacions nos últimos anos, como a elevación da antena, para tratar de mellorar a recepción.
O Concello asinou en 2011 coa Secretaria Xeral de Medios un convenio para levar a cabo esta instalación. Dende 2013 dende o Concello de Silleda solicitáronse en distintas ocasións revisións técnicas por parte dos responsables da Oficina da TDT da Xunta, á vista de que a masa forestal da zona afectaba ao sinal (motivo polo cal se elevou a antena no seu día) e doutros problemas que se producían cando había tormentas, entre outros.