Silleda, 25 de febreiro de 2020. O Concello de Silleda, a través do departamento de Igualdade, que dirixe Ángela Troitiño, vén de programar para o vindeiro domingo 8 de marzo, Día Internacional da Muller, unha nova marcha feminista.
O percorrido partirá ás 18:00 horas dende a praza Siñor Afranio, -fronte á Casa da Cultura- pasando polas principais rúas da vila. Así está previsto que o percorrido pase pola rúa Progreso, avenida do Parque, rúa Santa Eulalia, rúa María Colmeiro, rúa Venezuela e Cartaxena, rematando no punto de saída.
“Este será o acto da xornada, cun marcado carácter reivindicativo e na que un ano máis volvemos a convidar a toda a veciñanza a que se sume”, explica a concelleira.
Antes da saída, a partir das 17:00 horas entregarase material conmemorativo da xornada ás persoas participantes.
A marcha con motivo do 8-M estrenouse o pasado ano en Silleda con grande éxito.
“Agardamos que o pobo de Silleda secunde esta xornada que, pese aos avances logrados nos últimos anos, segue a ser moi necesaria”, indica Ángela Troitiño, que lembra que feminismo é unha vía para alcanzar a igualdade.