Silleda, 2 de marzo de 2020-. O Concello de Silleda vén de recibir a comunicación dunha nova subvención favorable. Trátase da resolución do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, por importe de 156.565,32 euros ( o importe total solicitado) para acometer a segunda fase da Rede de Calor con Biomasa.
Este proxecto pioneiro que se estrenou a finais de 2018 como a primeira rede de calor de carácter público-privado en Galicia, chegará a través da actuación prevista ata a rúa Progreso, á altura da actual Casa da Cultura. O investimento total será de 195.706,65 euros, contando coa citada axuda, na liña de proxectos singulares a entidades locais que favorezan o pasao dunha economía baixa en carbono, no marco do programa operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020 e a través do Instituto para la Diversificación y Ahorro de Energía (IDAE).
“É unha boa nova para todos os veciños e veciñas de Silleda”, indica o alcalde, Manuel Cuiña, lembrando que dende a súa posta en marcha a Rede de Calor con Biomasa “demostrou non só ser unha instalación rentable senon que se convertiu nun referente a nivel do Estado”, indica.
A día de hoxe a Rede de Calor, que ten as súas instalacións nunha parcela municipal, abastece de calefacción e auga quente sanitaria a 5 instalacións: a Escola Infantil A Galiña Azul, o pavillón deportivo César G. Fares, o campo de fútbol de Outeiriño, a Residencia e Centro de Día dos Maiores e tamén ao Hotel Vía Argentum.
Na primeira fase, que se estrenou en outubro de 2018, construiuse a planta de producción de calor, así como as subestacións e unha rede de tubaxe de máis dun kilómetro de lonxitude.
Con este novo proxecto a rede amplíase para dar servizo a actual Casa da Cultura, na rúa Progreso, onde se trasladará a Casa Consistorial. A rede existente ampliarase noutros 800 metros ademais de instalar no edificio unha subestación de 127,5 kw de potencia máxima.
Con esta actuación reduciránse as emisións en 7,68 toneladas de CO2.
“Nun futuro, segundo se vaia ampliando a rede, os veciños e comunidades que o desexen tamén poderán conectarse a esta instalación nas zonas polas que se vaia extendendo”, indica o alcalde.
Premio Galicia de Enerxía ao mellor proxecto de enerxías renovables
Hai agora un ano Silleda foi unha das protagonistas da VI Noite de Enerxía, a gala de entrega dos premios outorgados pola Asociación de Enxeñeiros Industriais de Galicia, ao recibir a Rede de Calor o premio Galicia ao mellor proxecto de enerxías renovables con esta instalación pioneira.
A actuación, que superou o millón de euros, comezou coa compra da parcela onde se sitúa a planta á Fundación Semana Verde. “É unha actuación pensada para o futuro, xa que permite plantexar novas actuacións como a conexión de comunidades de usuarios ou a dotación dunha planta de astilla”, indica o alcalde. Aos 816.587,67 euros da instalación, financiada nun 80% polo INEGA e o 20% restante polas arcas municipais, a través do Plan Concellos da Deputación, súmouse a compra da parcela na que se instalou a central de producción, con 138.336,75 euros aportados polo organismo provincial a través do mesmo programa.
Manuel Cuiña indica que a obra supón o primeiro paso dunha instalación que non só redundará nun maior aforro económico para as arcas municipais senon que suporá un maior reducción de emisións contaminantes.
Así mesmo recalca que a rede permitirá contar nun futuro con instalacións como unha piscina climatizada, que se prevé construir na parcela da central, “algo que sería impensable para un municipio como Silleda polo custe enerxético se non contaramos con esta central de calor”, engadiu.
Con esta iniciativa deixaron de expulsarse ao medio ca primeira fase 342 toneladas de CO2 ao ano. O aforro económico estimado é de 81.000 euros ao ano respecto ao consumo actual, e de 93.000 euros cando esté lista a segunda fase.