Silleda, 12 de marzo de 2020. O goberno municipal de Silleda acordou hoxe suspender todo tipo de actividades e reunións nos centros municipais como medida para conter a expansión do COVID-19 ou Coronavirus. Esta é a principal cuestión que se acordou na xuntanza de hoxe e da que xa se está a informar a través dun comunicado tanto nas redes sociais como no bando informativo que se colocará en todo o termo municipal nas vindeiras horas, para informar á poboación.
“Cada día que pasa é un día máis, e á vista da situación, non podemos permitir perder tempo, máxime cando dende a Administración autonómica se decidiu tamén suspender as clases nos centros educativos”, explica o alcalde, Manuel Cuiña.
Dende mañá venres e ata novo aviso non haberá actividade en ningún centro municipal. Así, e ata novo aviso, suspéndese toda actividade nos Centros Sociais dos Maiores de Silleda e da Bandeira; en todas as instalacións deportivas, na Escola Municipal de Música, biblioteca, centros culturais, Casa da Xuventude e os centros sociais das parroquias. Tampouco se permitirán visitas ao Mosteiro de Carboeiro.
O rexedor, que tamén informou aos voceiros dos grupos da oposición das medidas adoptadas, manterá mañá un encontro tamén co comité de empresa para preparar o operativo que se seguirá mentres dure a alerta por este virus, declarado xa como pandemia dende a Organización Mundial da Saúde (OMS).
Así, o Concello de Silleda está en disposición de comezar xa o martes a instalar os equipos para implantar, nos casos que sexa posible, o teletraballo. “Dende hai dúas semanas contactamos xa ca empresa que leva o soporte informático do Concello para plantexar esta cuestión, que se aplicará nos casos onde sexa posible.
No encontro de mañá falaránse de cuestións como a reorganización do persoal e a implantación do teletraballo, entre outros.
Tamén quedan aprazadas todas as actividades previstas no programa cultural das próximas semanas e tampouco se outorgarán permisos para as festas.
Suspensión da Festa dos Callos e atención telefónica
Esta decisión adoptouse tamén á vista de que as entidades organizadoras de eventos, como a Festa dos Callos de Ansemil-Martixe, decidirán xa nas últimas horas suspender a súa celebración, prevista neste caso para o 4 de abril.
Por outra banda, nos comunicados e bandos municipais solicítase tamén a colaboración cidadá á hora de evitar –na medida do posible- a atención presencial para realizar trámites no concello. Así recoméndase á veciñanza usar –se é posible- medios telémáticos (sede electrónica, redes sociais ou páxina web) ou vía teléfono para facer trámites habituais.
Na axenda de reunións de departamentos como a Alcaldía xa se comezou hoxe a atender aos veciños e veciñas a través de conversas telefónicas.
Tamén se apela á responsabilidade da poboación á hora de seguir as indicacións das autoridades sanitarias e os consellos que se están a dar, como a hixiene das mans, o evitar contacto directo nos saúdos….
“Estamos a falar dunha cuestión de saúde pública, e polo tanto toda medida de precaución que se tome é pouca”, explica o alcalde.