Silleda, 23 de marzo de 2020. Membros do equipo municipal de goberno mantiveron hoxe, no inicio da segunda semana da corentena, unha nova xuntanza para facer unha valoración medidas adoptadas, e estudar outras actuacións.
“Tal e como vimos facendo dende o pasado luns mantivemos un encontro do equipo de seguimento no que se acordaron distintas cuestións”, informa o alcalde, Manuel Cuiña
A limpeza de espazos e vías públicas continuou hoxe nas vilas de Silleda e da Bandeira, creándose dous equipos de traballo con cadanseu vehículo e que virán a reforzarán o traballo que xa se está a facer coa máquina barredora, usando líquido desinfectante nos aspersores ao mesmo tempo que barre.
Dende a semana pasada procedeuse á desinfección e limpeza a fondo de centros públicos aproveitando o seu peche ao público e iniciose xa o lavado nalgunhas rúas.
“Estas medidas iránse implementando en función de como evolucione a crise”, indica o alcalde, Manuel Cuiña, que advirte que “nestes momentos aínda non temos confirmado ningún positivo en Silleda”.
No encontro tamén se valorou o traballo do departamento de Benestar Social, un dos que máis peso está a levar dende o inicio da crise.
A ampliación na atención básica ás familias en canto á provisión de alimentos, ou o amplísimo seguimento das persoas usuarias do Servizo de Axuda no Fogar, cun continuo contacto telefónico (a maiores da atención presencial de más 20 usuarios), son accións que coordina este departamento, modulando a atención en funcións das súas necesidades.
Provisión de material
Por outra banda, dende o Concello tamén se proporcionou material de protección a algunhas entidades que prestan servizos públicos como a empresa concesionaria do SAF. “Queremos agradecer á todas as empresas, comercios e entidades as doazóns que fixeron nos últimos días e a súa disposición á axudar”, engade o alcalde.
Tamén se están a recibir numerosas propostas de veciños e veciñas que se ofrecen voluntarios mesmo para a confección de mascarillas, cuestión que se derivou á área de mantemento do Sergas.
Certificado para atención a familiares
Por outra banda, e en coordinación cas forzas da orde, as persoas que precisen desprazarse durante estes días para atender a familiares que vivan sós, poden recoller un modelo de xustificante no departamento de Benestar Social.