Silleda, 27 de marzo de 2020. A Policía Local de Silleda dispón xa dun segundo e necesario vehículo logo de que o Concello optara pola fórmula do aluguer. Dende hai varios meses, os efectivos contan cun só coche, feito que ante a situación excepcional que se está a vivir supoñía unha grave deficiencia.
En días pasados o Concello de Silleda contactou xa coa Xunta para solicitarlle axuda, e ante a falta de resposta alugouse un vehículo que se equipou en tempo récord para facilitar as labores dos axentes.
Por outra banda os servizos municipais continúan a traballar en distintos frentes. Ás tarefas de lavado e desinfección de todos os colectores de lixo reforzaranse no próximos días cun lavado máis pormenorizado das papeleiras.
Desinfección no Centro de Saúde
A desinfección nas rúas continuará como nos últimos días e tamén o luns se fará, a petición do centro, a desinfección no interior do ambulatorio de Silleda. “Ainda que non é competencia nosa xa, todos temos que arrimar o hombro nestes momentos difíciles”, indica o alcalde, Manuel Cuiña, que continúa agradecendo as doazóns de material e de equipamento das empresas e veciños da localidade.
Grupo de voluntariado social
Por outra banda, e coordinados dende o departamento de Benestar Social, dende o Concello creouse un grupo de voluntariado que iniciou hoxe o seu traballo, co reparto de alimentos da Cruz Vermella a distintas familias.
“Todos están, como non podía ser doutro xeito, equipados debidamente e adoptando as medidas precisas, realizando ademais unha fantástica labor”, sinala o rexedor.
Estas persoas voluntarias tamén se encargarán da entrega das tarefas escolares que o Concello de Silleda está a realizar –con impresións en librarías locais- de xeito gratuito para as persoas que non teñan Internet ou medios para imprimir os traballos.