Silleda, 7 de maio de 2020. A biblioteca municipal Daniel Castelao de Silleda reabre as súas portas o vindeiro luns día 11, aínda que con horario reducido e só para préstamo de exemplares. As persoas que desexen retirar libros deste centro público ou ben se acheguen a devolvelos deberán de facelo en horario de 09:00 a 13:00 horas, de luns a venres. Esta actividade de préstamo físico de libros pode retomarse nas bibliotecas a partir do vindeiro luns, día no que comeza a fase 1 da desescalada.
As persoas usuarias que se acheguen ata este centro terán que agardar o turno de entrada no caso de que haxa outras persoas no interior.
Progresivamente, e sempre cumprindo coas medidas de seguridade e distancia interpersonal, iranse incrementando os servizos da biblioteca pública e municipal silledense.
Dende que se pechou ao público o pasado 13 de marzo, o persoal municipal encargado deste centro estivo a realizar tarefas de mantemento e reorganización dos volumes dispoñibles. Asimesmo, o centro de Silleda incorporouse a finais de 2019 ao sistema integrado de xestión bibliotecaria nun entorno unificado, para a consulta dos catálogos, coa incorporación entre outros de tarxetas dixitais para as persoas usuarias, un carné único da rede de bibliotecas.