Silleda, 8 de maio de 2020. O Concello de Silleda segue a adoptar medidas de prevención fronte ao COVID 19. Nesta liña, hoxe procedeuse á colocación do primeiro dos dispensadores de xel desfinfectante nas rúas, en concreto na praza Siñor Afranio de Silleda.
Estes dispositivos foron fabricados e aportados pola empresa silledense Sotega e dispensarán xel tamén fabricado no municipio, a cargo da firma Disiclín.
En total colocaránse nos dous cascos urbanos 10 unidades, buscando sempre ubicacións estratéxicas para abarcar áreas onde se atopen servizos públicos ou de maior concorrencia de público.
“A partir do luns instalaránse o resto dos dispensadores”, indica o alcalde, Manuel Cuiña, que agradece á firma Sotega a súa aportación. Esta entidade súmase así ao listado de empresas e particulares silledenses que están a colaborar na loita e prevención contra esta enfermidade.
Dende o concello apélase a realizar un uso responsable deste xel desinfectante, que se dispensa activando co pé un pulsador. Estas “fontes” de xel contan ademais cun deseño que garantiza a hixiene do proceso, evitando o contacto manual co dispensador.
Esta actuación xa foi adiantada por parte do goberno o pasado mércores na xunta de voceiros aos grupos municipais.
Por outra banda, os operarios municipais continúan acometendo outras tarefas de limpeza e desinfección tanto nas rúas dos cascos urbanos como en puntos do rural onde se situan establecementos coma os ultramarinos. Ainda que se rebaixou a frecuencia das accións, considérase imprescindible continuar como medida de prevención.
“A instalación destes puntos vén a enmarcarse dentro dunha serie de accións en beneficio da poboación ante a situación actual, na que a protección forma parte do día a día, xa que temos que aprender a tomar precaucións para convivir coa chamada nova normalidade”, indica o alcalde.