Silleda, 1 de xuño de 2020. O Concello de Silleda equipará nos vindeiros meses o Viveiro de Empresas do Parque Empresarial. Esta dotación realizaráse a través dos fondos da Liña 1 do Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra, que vén de comunicar a concesión dun investimento de 25.000 euros para este fin.
Con esta aportación dotarase tanto de mobiliario como de equipamento informático este edificio que foi rematado a finais do pasado ano. “ Nos vindeiros días licitarase esta dotación para deixar listo este centro, unha das grandes demandas do sector empresarial nos últimos anos, e que poñeremos tamén ao servizo das persoas emprendedoras, ademais de servir, entre outros como espazo de formación”, explica o alcalde, Manuel Cuiña.
O Concello de Silleda continúa estudando ademais a fórmula para establecer a apertura deste centro, que supuxo un investimento de máis de 300.000 euros, con fondos municipais e autonómicos. O edificio, que servirá como sede para novas empresas tecnolóxicas ou de servizos, permitindo a persoas emprendedoras a posibilidade de contar cun espazo de traballo, ademais de servir como centro de reunión, está situado na parcela municipal xunto a rotonda do polígono, a parcela municipal situada xunto á rotonda do parque.
Conta con varios despachos, salón de actos, aseos accesibles e espazo de cafetería.
“Grazas a esta dotación poderemos completar a equipación deste edificio para poder establecer canto antes o seu funcionamento”, indica o alcalde.