O Viveiro de Empresas do Concello de Silleda xa conta con mobiliario e equipamento informático

-Esta dotación realizouse a través do Plan Concellos da Deputación, cun  investimento de 25.000 euros para equipar este centro ubicado no parque empresarial Área 33

 Silleda, 30 de outubro de 2020.  O Concello de Silleda xa ten equipado o Viveiro de Empresas do Parque Empresarial. Esta dotación realizouse  a través dos fondos da Liña 1 do  Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra, cun investimento de 25.000 euros para este fin.

Con esta aportación nos últimos días levouse a cabo a dotación tanto de mobiliario como de equipamento informático neste edificio que foi rematado a finais do pasado ano. O alcalde, Manuel Cuiña, visitou hoxe xunto cos concelleiros Pili Peón e Antonio Ferro as dependencias, que quedan xa listas para iniciar a actividade.

O Concello de Silleda está a ultimar ademais a fórmula para establecer a apertura deste centro, que supuxo un investimento de máis de 300.000 euros, con fondos municipais e autonómicos.  O  edificio, que servirá  como sede para novas empresas tecnolóxicas ou de servizos, permitindo a persoas emprendedoras a posibilidade de contar cun espazo de traballo, ademais de servir como centro de reunión,  está situado na parcela municipal xunto a rotonda do polígono.

 

Conta cun total de 5 despachos, sala de recepción, salón de actos-formación , aseos accesibles e sala de reunión. Tamén servirá como centro de encontro para a asociación de empresarios do polígono Área 33.

“Unha vez rematado o equipamento trataremos de axilizar ao máximo posible os trámites para que as persoas emprendedoras de Silleda teñan aquí o seu espazo, ao igual que o colectivo empresarial, para crear actividade neste novo centro municipal”, explica o alcalde, Manuel Cuiña.