Silleda ilumina de violeta fachadas e a fonte da muller labrega durante a vindeira semana en conmemoración do 25-N

-Dende o luns e ata o venres, a campaña “Máis Violeta” estará presente na fachada da Casa Consistorial e o Centro Cultural Vista Alegre, para visibilizar a violencia de xénero. Tamén se entregarán libros, ao igual que nos últimos anos, dentro do programa “Aprendendo a previr” ás bibliotecas de distintos centros

 

Silleda, 21 de novembro de 2020.  Silleda conmemora o Día Internacional contra a Violencia de Xénero cunha novidosa iniciativa. Dende este luns día 23 e ata o venres 27, póñense en marcha cinco días de activismo contra esta lacra social, cinco días nos que se iluminarán –como símbolo de loita contra o machismo- varios puntos do municipio.

Así, e en horario de 18:00 a 23:00 hroas, procederase a iluminar no marco do programa “Máis Violeta” de prevención e sensibilización contra a violencia de xénero, as fachadas da Casa Consistorial, do Centro Cultural Vista Alegre da Bandeira, e tamén o monumento á Muller Galega, situada na rotonda de acceso á capital municipal dende a N-525.

O programa “Máis Violeta”, que se vén desenvolvendo nos últimos anos dende o departamento municipal de Igualdade, a través do CIM, está subvencionado pola Deputación de Pontevedra e o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

“Dadas as circunstancias que estamos a vivir pola pandemia e a dificultade para organizar outro tipo de actividades, optamos por esta iniciativa para visibilizar e conmemorar o 25-N”, explica a concelleira de Igualdade, Ángela Troitiño.

Así mesmo, dende o departamento de Igualdade lémbrase as circunstancias especiais deste ano 2020, no que paralelamente á implementación de medidas de confinamento por parte dos distintos países para frear a propagación do virus, a violencia contra mulleres e nenas, multiplicouse por 5 en algunhas partes do mundo.

“O final da violencia machista esixe unha maior implicación de toda a sociedade”, engade a concelleira.

Coeducación

Por outra banda, e como xa se vén facendo nos últimos anos, dende o departamento de Igualdade do Concello de Silleda, conscientes da importancia da Coeducación para loitar contra o machismo, volveránse a entregar lotes de libros nos centros educativos e tamén na biblioteca Ramón de Valenzuela do Centro Cultural Vista Alegre.

Nos lotes figuran títulos como Monstruo rosa, La ciudad de crista, Capuccino Commotion, Mujeres en el arte, Todos deberíamos ser feministas, La trenza, Amigas, Del color de la leche ou Testamento de Juventud.