MANIFESTO DA CORPORACIÓN MUNICIPAL DE SILLEDA CON MOTIVO DO DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Silleda,  #PoloBoTrato
Dende o Concello de Silleda, todos os grupos da Corporación Municipal manifestan o seu rexeitamento ante todo tipo violencia, e de xeito específico, o noso compromiso coa erradicación da violencia exercida contra as mulleres; drama que coñecemos ben a través dos 82 CIMs que compoñen a rede municipal de atención á muller na nosa comunidade autónoma. Un estudo da Federación Galega de Municipios e Provincias vén de amosar que o ano pasado 16.000 galegas solicitaron atención nos nosos centros. ¿Cantas máis non chegan ás nosas portas e seguen a sufrir maltrato?
Precisamos reforzar os plans de prevención e de resposta, dotalos axeitadamente de fondos, recursos humanos e materiais, e sobre todo, que as vítimas sintan que os nosos servizos de asistencia e protección están aí para elas e poidan reunir as forzas para pedir axuda. Estas necesidades sempre deben ser prioritarias, pero que neste intre son unha emerxencia maior: A COVID19 fai que corran tempos duros de estrés económico e psicolóxico. Cada unha destas tensións é de por si un perigoso detonante de condutas irracionais como o machismo e o maltrato, e a combinación das mesmas multiplica a ameaza.
Por se isto fora pouco, as restricións para combater esta crise sanitaria son para moitas vítimas do maltrato un pesadelo peor que o propio coronavirus, xa que ditas medidas obrigan a reducir ao máximo as relacións sociais e a permanecer no círculo familiar máis estreito, é dicir, a ficar máis illadas co seu maltratador. Cómpre, dende as nosas competencias e responsabilidade, pór todos os medios para evitalo. As políticas de prevención, vixiancia e auxilio ante o maltrato son a primeira liña de batalla. Pero non se pode perder de vista que o obxectivo final é erradicar o xerme: a mentalidade que fai distincións entre homes e mulleres en lugar de considerar a todos por igual como o que son: persoas. Esta discriminación –xerada, mantida e defendida por unha tradición de machismo dominante-, é o grillete que impide á muller ocupar na sociedade o espazo que lle corresponde por dereito propio.
Os teitos de cristal e a discriminación laboral e salarial son difíciles de probar, pero existen. Por ese machismo, a muller segue a quedar enmudecida fóra de órganos de decisión, cando o que a sociedade necesita é darlle voz e enriquecerse coas súas aportacións.
Como a brillante Concepción Areal sinalara hai case dous séculos, “a sociedade non pode en xustiza prohibir o exercicio honrado das súas facultades á metade do xénero humano”. Pero ademais de minar o dereito a un traballo digno ou unha carreira profesional, as trabas laborais comprometen a independencia de moitas mulleres, abocándoas unha vez máis a elas e aos seus fillos e fillas, a calellas sen saída co seu maltratador. O maltrato é froito dun comportamento, e a mellor ferramenta para prevelo é a concienciación; que os propios homes non só non conciban a violencia senón que teñan a vontade de combatela. A promoción da igualdade real entre mulleres e homes é un reto que debe asumir a sociedade en xeral pero, por ser os máis próximos ás persoas, os Concellos temos un papel decisivo.
É fundamental traballar na educación e a concienciación da cidadanía, aplicando a perspectiva de xénero en todas as nosas políticas e accións. Por iso, dende o municipalismo, facemos un chamamento a todas as institucións locais, para que no seu día a día aproveiten a oportunidade que teñen de traballar #PoloBoTrato e sigan o decálogo de boas prácticas elaborado pola Federación Galega de Muincipios de Provincias e o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia. Daquela, avancemos nesa busca da igualdade real entre homes e mulleres: #PoloBoTrato, dende Silleda comprometámonos a:
1. Empregar linguaxe libre de connotacións sexistas
2. Integrar a perspectiva de xénero nas nosas decisións
3. Difundir unha imaxe non sexista da muller
4. Traballar na prevención da violencia machista e promoción dos valores de igualdade e respecto entre toda a poboación, especialmente a máis nova
5. Fomentar a ética e a co responsabilidade nas tarefas e o coidado tanto de menores como de persoas dependentes
6. Identificar e emendar as posibles deficiencias que atopemos a nivel municipal na loita contra a violencia cara ás mulleres
7. Respectar a conciliación da vida laboral, familiar e persoal, e a igualdade de oportunidades no cadro de persoal
8. Promover unha representación equilibrada de mulleres e homes en todos os ámbitos de actuación municipal
9. Rexeitar a contratación de actividades nas que se ofrezan unha imaxe sexista da muller
10. Prestar especial atención ás mulleres en situación de vulnerabilidade