-Para poder usar este servizo, para o que se adquiriron dous dispositivos, é preciso ser maior de 18 anos e contar co carné da rede de bibliotecas públicas galegas, que xa se expende no centro dende o pasado ano
Silleda, 6 de maio de 2021. O departamento municipal de Cultura vén de implementar o servizo da biblioteca pública municipal Daniel Castelao de Silleda co préstamo de lectores de libros electrónicos.
O centro conta xa con dous dispositivos para o préstamo a domicilio, que permitirá ás persoas usuarias dispoñer dun gran número de volumes. Esta iniciativa enmárcase dentro dos obxectivos deste servizo público para garantir o acceso á información a toda a cidadanía en condicións de igualdade, así como o de facilitar o acceso ás novas tecnoloxías.
Para poder facer uso dos dispositivos, será preciso ter o carné da rede de bibliotecas públicas (que xa se está outorgando dende o pasado ano no centro) e ter máis de 18 anos. Os libros electrónicos son compatibles ca plataforma de préstamo electrónico de Galicia (GaliciaLe), que ofrece catálogos en galego e castelán, e tamén eBiblio, do Ministerio de Cultura.
As persoas que desexen facer uso dos dispostivos deberán de cubrir unha instancia no centro, aumindo a normativa que rexe este tipo de préstamos.
Os libros deben de transferirse ao dispositivo electrónico dende un ordenador. Para acceder ás plataformas as persoas usuarias deben darse de alta.
Libros, audiolibros, revistas….estarán a disposición das persoas usuarias con este préstamo. Todas aquelas que desexen acollerse ao servizo disporán dun manual coas oportunas instruccións para o acceso.
Con esta iniciativa, que ven a complementar a entrada da biblioteca silledense a rede de bibliotecas públicas de Galicia mellorase o servizo a través do uso das novas tecnoloxías.
Segundo datos recompilados por GaliciaLe, dende o inicio da pandemia en marzo do pasado ano, o número de préstamos desta plataforma chegou a duplicarse respecto ao ano anterior, o que constata o auxe destas tecnoloxías tamén ao servizo da lectura.