-O Concello de Silleda renovou o acordo co clube e a Fundación Heracles, incluindo o regreso da Escola de Baloncesto, con inscricións que se abrirán a vindeira semana
Silleda, 31 de agosto de 2021. Silleda será novamente a sede oficial do equipo filial do Monbus Obradoiro. Hoxe mesmo asinabase no Concello a renovación do acordo desta iniciativa histórica para Silleda que comezou na tempada de 2017-2018.
O director xeral do Monbus Obradoiro, José Luis Mateo, o alcalde, Manuel Cuiña, o presidente da Fundación Heracles, Pepe Casal e a concelleira de Deportes, Mónica González, participaron na renovación do acordo para que o Obradoiro Silleda siga como local no pavillón municipal César G. Fares.
Despois da brillante tempada realizada o pasado ano (quedando en segunda posición da Liga EBA) o conxunto que adestra Denís Pombar aspira a seguir dende Silleda a súa estela de éxitos como filial do conxunto compostelán.
O acordo inclue a volta da Escola de Baloncesto, que o pasado ano se suspendeu por mor da pandemia.
Así, na vindeira semana o Concello de Silleda –que tamén está preparando a reanudación doutras escolas deportivas- abrirá a inscrición para participar na Escola de Baloncesto, aberta a persoas participantes de 5 a 17 anos de idade.
“Estamos desexando que se poida reactivar a escola de baloncesto despois dun ano complicado”, indica o alcalde, Manuel Cuiña, que destaca as vantaxes e a repercusión que ten o acordo co Monbus Obradoiro nos últimos anos para Silleda.
Tamén dende o club e a Fundación Heracles, José Luis Mateo e Pepe Casal agradeceron o apoio e a boa disposición do Concello de Silleda para continuar a relación iniciada hai 4 anos.
O convenio, polo que o Concello de Silleda destina novamente 15.000 euros ao club e a Fundación, inclue non só a Escola de Baloncesto e a promoción que supón para o municipio ser a sede do club de EBA senón tamén vantaxes para a veciñanza. Así, ademais contar con entradas para asistir a un partido de liga ACB, os veciños e veciñas de Silleda gozarán dun 10% de descontó nos abonos para asistir aos encontros do primeiro equipo, que tamén realizará un adestramento-exhibición no pavillón silledense.
No último ano, o Concello de Silleda realizou tamén dotacións nas instalacións do César G. Fares, renovando todos os paneis laterais, entre outras melloras.