-Ultreia. Ao final do camiño estás ti, é o título do proxecto máis ambicioso da formación silledense, baixo a batuta de Rafa Agulló. As entradas poñeránse a venda a partir do luns día 13. A cita será no pavillón número 1 da Semana Verde
Silleda, 4 de decembro de 2021. Maxia, danza e música protagonizarán este ano o concerto de Nadal da Banda de Música Municipal de Silleda, unha das citas máis concorridas e agardadas da axenda silledense. Baixo o título “Ultreia. Ao final do camiño estas ti”, o que será xa a viseximo primeira edición do concerto de Nadal da Banda terá lugar o vindeiro domingo día 26 de decembro, ás 18:30 horas no pavillón número 1 do recinto feiral Semana Verde.
Ultreia é un espectáculo multidisciplinar que combina maxia, música e danza. Percorrendo un camiño máxico que simboliza todos os camiños interiores e exteriores do ser humano, o Mago Teto –un dos máis veteranos e relevantes pese a súa xuventude- fará unha viaxe a través de aparicións, desaparicións, casas encantadas, levitacións… e outros efectos máxicos que transportarán ao público a unha realidade onde todo é posible menos perder a ilusión.
Acompañado de tres bailarinas (Xiana Vilas, Lupe Carballo e María Roja) o mago Teto viaxará ata o final do seu camiño co apoio imprescindible da música, composta especialmente para este espectáculo por Andrés Álvarez, e executada polos máis de cen músicos da banda baixo a batuta de Rafa Agulló.
O espectáculo conta ademais ca dirección artística de José Prieto, o polifacético artista e recoñecido dramaturgo, creador de existosas obras (Somos Criminais, Fariña, Bernarda…) e premio Max de Teatro.
Venda de entradas
As entradas para asistir ao concerto de Nadal poñeránse á venda o vindeiro luns día 13. O prezo é de 12 euros (10 euros para as persoas socias da Banda de Música de Silleda) e inicialmente venderánse na Escola de Música en horario de 19:00 a 21:00 horas. Está previsto que tamén se poidan adquirir de forma on-line, cuestión da que a banda informará nos vindeiros días a través das súas redes sociais.
“Este é sen dúbida algunha o proxecto máis ambicioso que levamos a cabo na última década, a todos os niveis”, explicou o director da banda, Rafa Agulló, durante a presentación do espectáculo.
Pola súa banda, o mago Teto, sinalou que con Ultreia, se lanza unha mensaxe de esperanza, “de chegar xuntos ao final do camiño”.
Esta aposta comezou a fraguarse en febreiro de 2020, coa intención de estrenar o espectáculo no Nadal do pasado ano, aínda que se retrasou por mor da pandemia.
Na presentación participaron tamén o presidente da banda de Silleda, Herminio Gómez, que agradeceu o apoio de todas as institucións e colaboradores para levar a cabo este ambicioso espectáculo, e a concelleira de Cultura, Mónica González, que destacou a aposta da formación silledense que cada ano vén poñendo o listón máis alto nos concertos de Nadal con espectáculos de primeiro nivel e animou ao público a achegarse a disfrutar de Ultreia.