-Durante os meses de xullo, agosto e setembro rexistráronse cifras nunca antes acadadas nas mesmas mensualidades.
Silleda, 6 de xaneiro de 2021. O mosteiro románico de San Lourenzo de Carboeiro rexistrou ao longo de todo o ano 2021 un total de 15.914 visitas, confirmándose como un dos monumentos e entornos máis visitados da comarca e do interior de Galicia.
O pasado ano, a diferencia de 2020 cando a pandemia obrigou a pechar durante varios meses o cenobio, estivo pechado só durante varias semanas entre xaneiro e febreiro, tamén debido ás restriccións sociosanitarias.
No cómputo mensual cómpre destacar que os meses de xullo, agosto e setembro batiron récords de visitas en 2021, con cifras nunca antes acadadas dende que se realizan estatísticas. Así en xullo foron 2.398 as persoas que entraron no mosteiro; en agosto 4.184 e en setembro 1.705.
Outubro foi tamén un mes destacado con 1.579 entradas, seguido de abril con 1.251; marzo, con 1.158; maio, con 1.105 e xuño, con 1.182 visitas. En novembro tamén se acadaron boas cifras con 805 visitantes ás que se suman outros 334 no mes de decembro.
Os meses máis frouxos foron xaneiro, con 69 e febreiro con 134, distando moito das cifras habituais dos últimos anos.
O aumento respecto a 2020 é considerable, se se ten en conta que nesa anualidade o mosteiro permaneceu pechado durante o confinamento, entre os mes de marzo e xuño.
Daquela foron 9.748 as visitas, casi todas durante os meses de verán.
Así mesmo, durante o pasado ano, Carboeiro volveu acoller rodaxes e actividades culturais, como a da serie “Un asunto privado”, que se emitirá en Amazon, varios clips e recitais no marco de distintos programas culturais como Monumenta, Música no Ar ou o curso Tamara Brooks, entre outros.
Carboeiro, unha das xoias do románico oxival galego, e tamén o seu entorno, ao pé do río Deza, é visitado cada ano por milleiros de persoas de distintas nacionalidades.
Este espazo histórico e cultural é xunto coa Fervenza do Toxa, co que comparte o sendeiro do Deza, o gran referente turístico do municipio.
Horario de inverno
O horario actual de Carboeiro é de mércores a domingo de 11:00 a 14:30 e de 15:30 a 18:00 horas. Este horario de apertura, condicionada tamén polas horas de luz natural manterase ata o cambio horario de primavera.
Precisamente a dotación de luz eléctrica é unha das apostas nas que está a traballar o goberno municipal de Silleda, xa que esta carencia non só coarta as posibilidades de uso deste espazo á hora de acoller actividades culturais e ampliar a horario de visitas, senon que tamén afecta ás condicións nas que traballa o personal que atende o mosteiro, sobre todo nos meses de inverno.
En Carboeiro sitúase tamén o Punto de Información Turística do municipio, incluido na Rede Info Rías Baixas da Deputación de Pontevedra.