-Dende mañá estarán á venda libretas e lápis e en breve tamén chaveiros
Silleda, 5 de abril de 2022. O programa municipal Silleda Solidaria pon á venda dende mañá material a fin de recadar fondos en favor das persoas damnificadas pola guerra en Ucraína.
Así, dende mañá poderánse comprar libretas e lápis, por 5 euros, e nos vindeiros días tamén se poñerán á venda chaveiros, cun prezo de 2,50 euros.
Este material poderá adquirirse no departamento de Benestar Social (Centro Social de Silleda); na Casa da Xuventude-Biblioteca e na Bandeira no auditorio municipal Manuel Dopazo.
A recadación servirá para sufragar os gastos das familias ucranias que están a residir no municipio silledense.
Festival solidario da Banda de Música Municipal de Silleda
Por outra banda, este sábado día 9 terá lugar no auditorio da Semana Verde a 28 edición do Festival de Bandas da Banda de Música Municipal de Silleda, que contará tamén coa actuación da Banda de Santa Cruz de Rivadulla como formación convidada.
Esta cita, ás 20:00 horas, terá tamén carácter solidario, cun punto de recadación que se entregará tamén ao programa Silleda Solidaria.
Dende o Concello de Silleda e o citado programa municipal agradécese a colaboración da banda de música, así como doutras entidades e particulares que están a realizar accións axudando na campaña co lema , “Apoiamos a paz. Silleda con Ucraína”.
Tamén no vindeiro mes de maio está previsto organizar a San Silvestre de Primavera, unha cita deportiva que tamén servirá para recadar fondos en favor desta causa.