Silleda, no programa 5×5 de teatro, con obradoiros gratuitos que comenzarán o vindeiro mes de outubro

-As persoas interesadas en participar neste proxecto, ao abeiro dos fondos Territorio Cultura, xa poden inscribirse no Concello. As clases serán no Centro Cultural Vista Alegre os mércores de 20:00 a 22:00 horas a partir do vindeiro día 19

 Silleda, 29 de setembro de 2022.  O Concello de Silleda é unha das entidades colaboradoras do programa teatral que leva por título 5×5 e que vén de ser seleccionado na convocatoria de Territorio Cultura, da Xunta de Galicia, a través dos fondos Next Generation para achegar iniciativas culturais aos espazos rurais.

O programa consta dunha rede de aulas de teatro con obradoiros que chegarán a 5 municipios polos que pasa o Camiño de Santiago: Allariz, Lalín, Mazaricos, Vedra e Silleda, onde as sesións se impartirán no Centro Cultural Vista Alegre, nas xornadas de mércores en horario de 20:00 a 22:00 horas. A data de inicio será  o mércores 19 de outubro.

As persoas que queiran participar nos obradoiros, de balde para o alumnado, xa poden inscribirse no Concello, chamando ao 986 580000 (preguntando polo departamento de Cultura) ou enviando un mail co nome e número de contacto ao enderezo cultura@silleda.es.

Os obradoiros terán unha duración de 5 meses e o curso rematará ca creación dun espectáculo e unha xira de tres actuacións por escenarios de Galicia.

Dende o Concello de Silleda anímase á veciñanza a aproveitar esta oportunidade, na que ademais de formación o alumnado se achegará ás artes escénicas cunha producción propia que se representará noutras localidades.