-Será na Casa da Xuventude ás 10:30 h. para familias con crianzas de 6 a 12 anos. A cita é de balde, pero precísase inscrición
Silleda, 11 de xaneiro de 2023. A Concellería de Benestar e Educación, que dirixe Ángela Troitiño, programou para este mes unha nova sesión da Escola de Familias, que busca convertirse nun espazo de formación e apoio para familias con fillos/as pequenos, preadolescentes e tamén adolescentes . Distintas persoas profesionais da pedagoxía e da xestión emocional serán as encargadas de impartir estas charlas informativas.
Despois da primeira sesión celebrada o pasado 3 de decembro (para as crianzas de 0 a 6 anos), este foro volta o vindeiro sábado día 21 ca sesión titulada “Repensando”, para familias con menores de 6 a 12 anos.. Co avance da vida van aparecendo dúbidas e novas inquedanzas, condicións e características. Nesta proposta traballarase qué facer, qué cambiar e cómo avanzar, é dicir, repensarase a crianza realizada para continuar coa que se quere ter. Entre os temas a tratar estilos de crianza, hábitos de vida, a igualdade ou a sobrecarga nos tempos.
A cita será ás 10:30 horas na Casa da Xuventude, con servizo de conciliación para as familias participantes.
A participación é de balde, pero precísase inscrición, que se pode realizar chamando ao departamento de Benestar, ao 986 592037.
Tamén 4 de febreiro se celebra a segunda parte de “Repensando”, para tratar tamén o emprego das pantallas e novas tecnoloxías, premios e castigos, ou vivencias personais, en nenos e nenas de 6 a 12 anos.
A última das sesións previstas, co lema “Reconstruindo” terá lugar o vindeiro 4 de marzo, para abordar a etapa da adolescencia, cando chegando a adolescencia se reconstrúen certas crenzas, pensamentos, ideas… polo que se fai preciso educar dende a empatía e a comprensión, atender as necesidades educativas en relación á sexualidade e fomentar relacións baseadas no consentimento.
O rol dos proxenitores na adolescencia, ou temas como a sexualidade, relacións e consentimento,e a comunicación serán abordadas nestas sesións.