O Concello de Silleda presenta á Rede Ágora a redacción de novos proxectos de mellora da mobilidade peonil e creación de sendas

O Concello de Silleda presenta á Rede Ágora a redacción de novos proxectos de mellora da mobilidade peonil e creación de sendas

-Solicitouse subvención para redactar os proxectos de rexeneración urbana no barrio de Outeiro e o tramo de Alonso Ríos e Castrelo, a humanización da Avenida do Parque e a creación de sendas peonís na estrada Bandeira-Moalde

 

Silleda,  4 de febreiro de 2023.O Concello de Silleda vén de presentar á convocatoria de subvencións para a redacción de proxectos de recuperación de espazos públicos e creación de sendas peonís ou ciclables nos Concellos da Rede Ágora un total de tres propostas.

Así, a esta nova liña de axudas da Deputación de Pontevedra presentouse para o núcleo de Silleda a recuperación do espazo no tramo que vai dende a rúa Outeiro (á altura da Residencia de Maiores) ata a praza Siñor Afranio, incluindo tamén a mellora da praza de Outeiro, a ronda que leva o mesmo nome, a rúa Antón Alonso Ríos e a rúa Castrelo, que suman un total de 11.000 metros cadrados.

Tamén en Silleda se incluiu a proposta para a humanización da Avenida do Parque, dende a rúa do Trasdeza ata o enlace ca rúa Chousa Nova e no caso da Bandeira a creación de sendas peonís na rúa da Empanada, no tramo da estrada que une A Bandeira con Moalde.

“Deste xeito o Concello de Silleda podera redactar os proxectos destas actuacións a fin de optar ás distintas subvencións con fondos europeos do Plan de Recuperación Transformación e Resilencia que convoca o Goberno Central”, indica o alcalde, Manuel Cuiña.

Así, lembra que grazas a este plan nos próximos meses se acometerán actuacións como a rexeneración urbana e humanización no centro da Bandeira, cun investimento de máis de 1 millón de euros a través do programa DUS 5000. O proxecto, que se presentará nos vindeiros días á veciñanza, foi tamén financiado a través da Rede Ágora da Deputación, da que Silleda forma parte dende o an 2021.

Tamén ao mesmo programa DUS 5000 se presentou outro proxecto na mesma liña, o plan Camiños Escolares, que conta con actuacións no entorno do IES Pintor Colmeiro, outro proxecto financiado con cargo a fondos provinciais.

“Temos antes nós unha oportunidade histórica polo que debemos estar preparados e ter os proxectos listos ante as diferentes convocatorias”, explica o rexedor.

No caso da iniciativa para o barrio de Outeiro, a actuación permitirá conectar esta zona do entorno do casco urbano co centro da vila, incluindo tamén a reforma da praza de Outeiro. A avenida do Parque humanizarase seguindo a filosofía iniciada no tramo da Progreso, financiada tamén na súa maioría con fondos estatais a través do IDAE. As sendas peonís da Bandeira plantéxanse como unha forma de humanizar o entorno no que figura tamén o CEIP Ramón de Valenzuela e a carballeira da Empanada.

A Rede Ágora de Concellos polo Espazo Público é unha iniciativa de acción institucional a prol de considerar e valorizar o espazo público como un dereito fundamental da cidadanía. Está formada pola Deputación e 54 concellos da provincia, entre eles Silleda. Entre os principios desta rede figuran que o espazo público é un dereito, a prioridade das persoas, a mobilidade inclusiva, autonomía infantil, espazos seguros, amables e de calidade e unha mobiliade sustentable.