-O investimento total para realizar estas melloras é de 110.102 euros
Silleda, 28 de novembro de 2023. O Concello de Silleda está a acometer as obras de mellora da pista do lugar de Balántiga, na parroquia de Escuadro. O alcalde, Manuel Cuíña, xunto ca concelleira de Urbanismo, Paula Fernández, e o director das obras, visitaron os traballos de reforma integral do vial de Balántiga, na parroquia de Escuadro. Esta actuación foi adxudicada á empresa Construcciones y obras Taboada Ramos, S.LU., cun investimento total de 110.120 euros, IVE incluido.
Estes traballos están financiados a través do Plan de Mellora de Camiños Rurais 2023-2024, cofinanciado co Feader no marco do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027 en Galicia, en réxime de concorrencia non competitiva.
Trátase da pista que vai dende o lugar de Balántiga ata o cemiterio parroquial, unindo esta localidade ca estrada provincial EP-6515. A mellora do tramo, de case un kilómetro de lonxitude, vén a completar a actuación realizada a través do Plan Marco da pista anterior, dende a estrada Nacional a Balántiga, con obras executadas en 2021.
É un viario que acusaba un notable deterioro e que se atopaba nunha zona onde se concentran varias explotacións agrogandeiras. Mellorarase toda a capa de rodadura desta pista, entre outras actuacións.
Nos dous últimos anos a través deste programa da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) executouse a mellora dos viais de Balántiga e Cumbraos (en Escuadro), o de O Castro-Negreiros e Portapiñeiro, na parroquia de Piñeiro.