– A actuación está cofinanciada polo Programa Leader a través do GDR Terras de Pontevedra Norte, cun investimento total de 89.045,39 euros
– Por outra banda, continúan as obras de renovación dos vestiarios e baños do pavillón César G. Fares, ás que seguirán as dos vestiarios do campo de fútbol de Outeiriño-Joselu Mato
Silleda, 29 de xaneiro de 2024. O proxecto de mellora da accesibilidade dos vestiarios do pavillón polideportivo municipal da Bandeira están xa rematadas. Os traballos, que foron adxudicados á empresa Míguez Xestoso, consistiron na reubicación dos aseos e vestiarios desta instalación pública, situada entre o CEIP Ramón de Valenzuela e o recinto das piscinas municipais.
O investimento é de 89.045,39 euros, dos que o 50% se financiarán a través do Programa Leader do Plan de Desenvolvemento Rural de Galicia, a través do GDR Terras de Pontevedra Norte, como proxecto non productivo. O 50% restante finánciase con fondos municipais.
Esta actuación busca mellorar a accesibilidade e renovar estas dependencias do pavillón, moi utilizado ao longo de todo o ano.
Así, esta dotación foi reubicada á entrada do pavillón, ao lado da porta principal. Deste xeito cumprirán cos actuais requerimentos de accesibilidade para garantir o uso e desfrute do espazo por parte de todas as persoas usuarias, ademais de mellorar a eficiencia enerxética substituíndo os vellos quentadores por un sistema de aerotermia.
Deste xeito, o pavillón xa pode volver a utilizarse para as distintas actividades que se viñan celebrando.
Obras en Silleda
Tamén seguen en marcha a renovación dos vestiarios e baños das outras dúas instalacións deportivas: o pavillón César G. Fares e o campo de fútbol de Outeiriño-Joselu Mato, cun investimento de 102.729 euros.
Neste caso, está previsto que nos vindeiros días remate a renovación dos do pavillón para iniciarse xa os do campo de fúbtol. A actuación neste recinto foi adxudicada á empresa Urbanismo Técnico Sostible SL.