Nos vindeiros días levaránse a cabo as probas para a selección de máis persoal a través dunha bolsa de emprego
O Concello de Silleda, no marco das melloras implementadas no Servizo de Axuda no Fogar (SAF), vén de dar novas altas, en concreto de persoas usuarias con grao 3 de dependencia. Estas novas altas déronse despois da ampliación do contrato a dúas das auxiliares sociosanitarias da plantilla.
Esta ampliación do contrato, de luns a domingo, foi un dos compromisos acadados nas últimas reunións mantidas polo goberno municipal tanto cas auxiliares sociosanitarias como cas familias das persoas usuarias.
Entre as melloras propostas do servizo, figura tamén o uso dunha nova app do CIBERSAD, que permitirá mellorar a comunicación entre as auxiliares sociosanitarias e a coordinación do servizo. Esta aplicación está xa activa cos perfís de cada unha das traballadoras, e nos vindeiros días ser fará unha formación individualizada para cada unha das persoas para aprender o manexo desta nova ferramenta da comunicación.
Por outra banda, nos vindeiros días levaránse a cabo as probas para a selección de novas persoas como auxiliares do SAF a través dunha nova bolsa de emprego. O exame celebrarase o vindeiro venres día 24.
“Agardamos que este novo proceso que se activou nas últimas semanas de cara a ampliar a plantilla nos permita continuar reducindo a lista de agarda deste servizo básico para a veciñanza silledense”, conclúe a alcaldesa, Paula Fernández.