-
O Concello inicia unha campaña de sensibilización nos núcleos de Bandeira e Silleda
-
Manuel Requeijo: “Antes de aplicar a normativa queremos concienciar aos propietarios da importancia de coidar o medio ambiente”
-
A medida enmárcase na implantación da Axenda 2030
Gústanos o teu can, non as súas cacas! Con este lema, o Concello de Silleda pon en marcha unha campaña de sensibilización para que os propietarios de mascotas recollan os excrementos que estas deixan na rúa como medida para coidar o medioambiente e fomentar a convivencia entre toda a veciñanza. “Nesta primeira fase colocaremos discos vermellos naqueles puntos nas que atopemos cacas de can e deixarémolos alí durante 24 horas. Despois recolleraos o servizo de limpeza”, explica o concelleiro de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, Manuel Requeijo.
A iniciativa vaise poñer en marcha nos núcleos de Silleda e Bandeira para concienciar a toda a veciñanza da necesidade de manter limpo o entorno urbano, coidar o medio natural e, tamén, como medida de salubridade, para evitar focos de infeccións. “O número de mascotas está aumentando considerablemente no noso municipio, ao igual que no resto do país. A maioría da persoas propietarias xa recollen os excrementos e queremos concienciar a quen non o fai”, sinala Manuel Requeijo.
“Se recolles os excrementos do can diante da túa porta, debes facer o mesmo en calquera lugar”, asegura Requeijo, que inclúe esta medida entre as iniciativas que promove o Concello para “seguir traballando por unha Silleda sostible e para a xente”. A iniciativa enmárcase dentro da implantación da Axenda 2030 que está a desenvolver o Concello de Silleda para dar cumprimento ao obxectivo de desenvolvemento sostible que fai referencia as cidades e comunidades sostibles (ODS 11), que se pode conseguir con medidas que fomenten a saúde pública e calidade de vida, un medio ambiente limpo e apostando pola orde e a estética nas vilas.
Na primeira fase desta campaña, o Concello vai colocar estes discos vermellos naqueles puntos onde haxa excrementos de can, “para facer visible unha situación que non se debería producir” e para recordarlle á veciñanza que a ordenanza municipal contempla sancións de entre 30 e 300 euros para que non recolla as cacas do seu can.
Manuel Requeijo xa adianta que despois desta campaña de sensibilización o goberno local ten previsto impor as sancións que recolle a normativa vixente.
Esta campaña de concienciación para seguir traballando por unha Silleda sostible e para a xente súmase a posta en marcha polo Concello o pasado mes de maio para recoller as cabichas do tabaco e que non se tiren na rúa.
Para esta campaña de sensibilización, o Concello de Silleda conta coa colaboración de Felipe López e Eva García e da súa cadela Bubela de Asseconia, unha pastora australiana que no último Campionato de España da Real Sociedade Canina (RSCE) gañou o premio de Campioa moza de España de Beleza.
Felipe López e Bubela de Asseconia acompañaron esta mañá á alcaldesa, Paula Fernández, e ao concelleiro Manuel Requeijo para colocar os primeiros discos desta campaña de sensibilización.